Cargando....
Ayuntamiento de Lugo
19/04/24
NOTICIAS
Escucha esta página

López Orozco censura que Feijóo se negue a escoitar as demandas do Alcalde de Lugo para o HULA


# Viernes, 27/03/2015
O Alcalde preguntase se o Presidente da Xunta tirou ó lixo a carta na que López Orozco lle pediu unha entrevista, hai máis de tres semanas

A Vicepresidenta da Deputación denuncia as mentiras do Presidente da Xunta sobre Hemodinámica

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, censurou hoxe a negativa do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a escoitar as demandas da nosa cidade para o HULA.

O Alcalde, que participou hoxe coa Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, na presentación dun novo proxecto de acondicionamento das áreas verdes do río Rato, lembrou que leva agardando dende o día 3 de marzo por unha resposta do Presidente da Xunta ó que lle solicitou unha entrevista para reiterarlle as esixencias dos lucenses para a creación dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear.

López Orozco mesmo manifestou o seu temor de que Núñez Feijóo teña tirado ó lixo o escrito no que lle solicitou a entrevista, xa que transcorriron máis de tres semanas e o Presidente da Xunta aínda non deu resposta ningunha.

O Alcalde dirixiuse por escrito ó Presidente da Xunta ó que lle mandou unha carta, coa petición dunha entrevista, o día seguinte ó Pleno no que a Corporación municipal de Lugo aprobou, co voto en contra do Partido Popular, a reprobación da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, por negarlle a Lugo os servizos sanitarios que teñen o resto dos galegos.

López Orozco declarou esta mañá, en declaracións ós medios de comunicación que “se Feijóo considera electoralista o ofrecemento da Deputación” de financiar a posta en marcha de Hemodinámica as 24 horas no HULA, “tivo tempo de contestar antes o escrito que eu lle mandei” para abordar a posta en marcha dos servizos sanitarios pendentes, “que non contestou; non sei se o enviaría ao cesto dos papeis, pero non contestou. Polo tanto, tivo tempo moito máis antes que a proposta da Deputación para contestar dun xeito afirmativo, que é o que tiña que facer”.

Pola súa parte, a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, asegurou este venres que o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, “volveu a mentir aos galegos e aos lucenses” sobre a prestación dos servizos de Hemodinámica e “quere condenarnos a morrer aos veciños desta provincia”. Méndez subliñou que, ao contrario do que afirmou Feijóo, “Pontevedra si ten este servizo no hospital de Vigo, que é, ademais, a mellor unidade de Hemodinámica 24 horas de Galicia”. É dicir, os veciños da cidade de Pontevedra teñen esta prestación en Vigo, a 20 minutos, mentres que os de Lugo teñen que acudir á Coruña. “Sabe Feijóo canto tempo lle leva chegar a un veciño de Mondoñedo ou Sober? Hora e media”, argumentou a Vicepresidenta.

Feijóo “tamén mentiu” sobre Hemodinámica en Ourense ao asegurar que este servizo é de recente creación, engadiu, pois esta provincia dispón desta prestación dende hai máis de 7 anos “grazas a un Conselleira socialista, María José Rubio”. “Atópase nunha encrucillada e non sabe como saír”, afirmou a Vicepresidenta, “non quere darlle solución a este problema, nin quere que lla deamos outros”.

Méndez cualificou de “cruel” a actitude de Feijóo ao “referirse a este servizo en termos estatísticos, cuantificando as vidas humanas”, e garantiu que “seguiremos loitando para que os lucenses teñamos Hemodinámica as 24 horas. Só salvando unha vida creo que vale a pena poñer en marcha este servizo”.

Lara Méndez puxo de relevo que, o mesmo día no que Presidente da Xunta fixo estas declaracións, a Sociedade Española de Cardioloxía, reunida onte en Vigo, “volvía a insistir no mesmo que o doutor Juanatey: que atender un infarto nas dúas primeiras horas é vital para o paciente. Parece mentira que Feijóo, que foi Presidente do INSALUD, non saiba isto”.

A Vicepresidenta recalcou que Lugo ten servizo de Hemodinámica “en horario de oficina porque os veciños saímos á rúa para poñer a Feijóo no seu sitio, senón hoxe seguiríamos sen contar con este mínimo servizo”. Polo tanto, “insistimos en que ten que pedir perdón aos lucenses e darnos os servizos sanitarios vitais. Que non espere que calemos cando nos condena a morrer. Non é cuestión electoralista, é unha cuestión de vida ou morte”.

Escuchar audio:
Escuchar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre ventana nueva Instituto de Crédito Oficial,Abre ventana nueva