Imprimir

O PONTEVEDRÉS ÁLEX ALONSO GAÑA A XVII EDICIÓN DO PREMIO DE NARRACIÓN CURTA "ANXEL FOLE"


27/3/2015 A obra gañadora do premio, instituído polo Concello de Lugo, titúlase Tempos de bebidas isotónicas e fast-food

O Alcalde, López Orozco, presidiu a presentación do libro de Mercedes Leobalde Funambulistas, que gañou a anterior edición

O Concello de Lugo deu a coñecer esta tarde o gañador da XVII edición do Premio de Narración Curta “Anxel Fole”, premio que recaeu en Alexandre Alonso Alonso, residente en Pontevedra e que asina co nome literario de Álex Alonso, pola obra titulada Tempos de bebidas isotónicas e fast-food. A obra foi presentada baixo o lema Historias mínimas

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, convoca cada ano o Premio de Narración Curta “Anxel Fole” para novelas breves ou libros de relatos e nesta XVII edición o Certame está dotado cun único premio de 4.000 euros, ademais da publicación da obra premiada a cargo da editorial Edicións Xerais de Galicia.

O xurado, que outorgou o Premio por unanimidade, reuniuse esta tarde na Casa do Concello baixo a presidencia, con voz e sen voto, da Concelleira de Cultura e coa participación, como secretario, do Coordinador de Publicacións do Concello, Darío Xohán Cabana. O xurado estivo formado pola poeta, xornalista e profesora Cristina Corral Soilán; o escritor, filólogo e músico Pedro Feijoo, e polo ensaísta, crítico e editor, director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado.

Posteriormente á reunión do xurado que concedeu o XII Premio “Anxel Fole” tivo lugar outro acto, presidido polo Alcalde, José López Orozco, no que foi presentado o libro de relatos titulado Funanbulistas, co que gañou a anterior edición a autora Mercedes Leobalde.

No acto participaron, ademais do Alcalde e a autora, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e Manuel Bragado, director de  de Edicións Xerais de Galicia.