Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PROMOCIONA A OFERTA TURÍSTICA DA CIDADE EN INTUR


5/12/2008 A feira internacional de turismo interior serviu para realizar diferentes contactos con especialistas e empresas do sector

O Concello de Lugo estivo presente na duodécima edición de INTUR (Feira Internacional de Turismo Interior) que se celebrou en Valladolid entre o 27 e o 30 de novembro.

Baixo o lema Entra a un turismo diferente, a edición albergou a uns 1300 expositores pertencentes a 12 paises e a uns 44.000 visitantes.

Nesta edición de INTUR, “Turismo de Lugo” tivo a posibilidade de dar a coñecer a súa oferta turística a través do material de promoción turística que ata alí se trasladou. En conxunto repartíronse un total de 1.850 folletos informativos dos que hai que destacar a súa variedade e calidade con respecto á oferta que presentaban outras ciudades da nosa Comunidade Autónoma.

A información máis demandada da nosa cidade foi a Pequena Guía de Lugo, pois parece importante para o usuario que ademais de contar co mapa da cidade e do casco histórico tamén se faga referencia aos monumentos e lugares a visitar na cidade cunha breve descrición dos mesmos. Os que visitaron o stand de Lugo interesáronse pola Muralla, así como polo Concurso de Tapas, as rutas de senderismo, e tamén polo Camiño Primitivo.

Os técnicos lucenses que acudiron a cita sinalaron a boa recepción que ten o folleto Lugo Accesible, pois este tipo de itinerarios para persoas con mobilidade reducida non son unha posibilidade moi extendida noutras ofertas turísticas e o público mostrou agradecemento á sensibilidade que mostra o Concello de Lugo ao publicar unha guía coma esta.

Tamén foi de interese para o público que acudiu a feira a rede de museos cos que conta o Concello de Lugo : o Centro de Interpretación da Muralla, o Centro Arqueolóxico San Roque e a Casa dos Mosaicos

  Asimesmo, turismo de Lugo realizou un bo número de contantos profesionais ao longo de INTUR 2008, sobretodo con axencias e touroperadores de toda España.