Imprimir

COMEZA A TERCEIRA EDICIÓN DA LUDUSPARTY.NET CUNS 650 PARTICIPANTES


5/12/2008 As actividades creativas centrarán a completa programación organizada polo Concello de Lugo

A terceira edición da Ludus Party.net arrinca esta tarde coa participación de 650 internautas que ao longo de catro días poderán disfrutar dunha intensa programación organizada pola Concellería de Servizos Xerais que dirixe Luisa Zarzuela.

A inauguración oficial correrá a cargo do Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e outras autoridades que visitarán a party ás 20:00 horas.

Poderán ver todas as infraestructuras dispostas pola organización da LudusParty.net para que os amantes da tecnoloxía disfruten ao máximo desta cita que se está a converter nun referente do noroeste da península.

Os participantes nesta edición que se celebra baixo o lema “A Ludus do cambio”, xa que se melloraron notablemente as infraestruturas, terán á súa disposición as enormes pantallas que permitirán que non se perdan ningún detalle do evento e os switches de gama alta permitirán unha comuniciación entre os equipos da máis elevada velocidade que non existe en ningún outro encontro tecnolóxico de España a día de hoxe (a excepción da do País Vasco).

Os talleres, conferencias, charlas, competicións e o resto de actividades programadas dan á Ludus Party unha consistencia formativa e de contidos que a converten nunha cita de referencia.

O plan de actividades da Ludus do 2008 contará con atividades englobadas nas seguintes áreas: arte dixital, xogos, software libre, hardwarwe, e outras como competicións de Singstar, Guitar Hero, Dance Dance Revolucion, doblaxe de películas, concurso de fotografía, concurso de mascotas, lanzamento de CD e DVD, carreira de sacos… Destaca a forte aposta nas actividades de índole creativo que realizou a organización na edición deste ano, e que se engloban en tres grandes áreas como é a creación de imaxes dixitais, a música dixital e a programación.

Actividades para todos
A festa tecnolóxica conta cunha intensa programación de actividades coas que poderán disfrutar persoas de todas as idades. O Concello de Lugo organizou talleres de formación, competicións de xogos, intranet, exhibicións de robótica, consolas de última xeración, e, ademáis, unha pista de patinaxe sobre xeo. Haberá unha zona adicada a todos os públicos, ofrecendo a oportunidade a todos os cidadáns de adentrarse no mundo das novas tecnoloxías. As cápsulas formativas terán diferentes niveis, o usuario soamente terá que elexir o que máis se axusta ás súas necesidades. Este espazo formativo contará con 15 ordenadores portátiles nos que os participantes poderá realizar unha ou varias das 12 cápsulas formativas que compoñen o programa:

CREA
Cápsula Formativa 1: crea a túa primeira conta de correo electrónico.
Cápsula Formativa 2: crea o teu primeiro blog.

COMPARTE
Cápsula Formativa 3: comparte fotos.
Cápsula Formativa 4: comparte música.
Cápsula Formativa 5: comparte intereses.

FALA
Cápsula Formativa 6:  fala nun chat.
Cápsula Formativa 7: fala nun blog.
Cápsula Formativa 8: fala nun foro.

CONSULTA
Cápsula Formativa 9:  consulta na wikipedia os temas que che interesen...
Cápsula Formativa 10: consulta na web do Concello os trámites que podes facer sin moverte da túa casa...

VIAXA
Cápsula Formativa 11: planificando ben a túa viaxe: prezos, hoteis...
Cápsula Formativa 12: e como se vai a...? cantos quilómetros hai a ....?

Ademáis, hoxe venres, haberá un concerto protagonizado por DR. THINK,  DJ lucense que sorprenderá coa súa aposta electrónica mezclando clásicos de películas e videoxogos acompañado dun emocionante espectáculo visual.  A cita terá lugar despois da inauguración oficial por parte das autoridades sobre as 20:30 horas.