Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo asina un acordo con seis empresas da cidade para lograr a inserción laboral de persoas con discapacidade


# Mércores, 03/12/2008
30 persoas realizarán prácticas laborais na primeira fase de Lugo Contigo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e representantes de seis empresas da cidade asinaron un acordo para a realización de prácticas con compromiso de contratación ao abeiro do programa de emprego Lugo Contigo dirixido a persoas que contan con máis dificultades de acceso ao emprego, en especial persoas con algunha discapacidade, co obxectivo de reducir o índice de  desemprego neste colectivo. Neste acto tamén estivo presente o Delegado da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia en Lugo, Miguel Vázquez Calvo.

Lugo Contigo é un plan experimental de emprego, subvencionado pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia con 72.400 euros e que está realizado en colaboración coas diferentes asociacións de Lugo: ASPNAIS, Asociación de xordos, COGAMI, FADEMGA, AUXILIA, SINDROME DE DOWN, FEAFES…

Con este programa un total de 50 persoas, que se seleccionarán a través do INEM e das asociacións, poderán beneficiarse deste proxecto. A execución do programa, que se levará a cabo ata o 31 de marzo, realizarase en dúas fases: a primeira con 30 persoas e a segunda con 20 persoas.

Os beneficiarios terán a oportunidade de realizar prácticas en diferentes empresas da cidade en distintos sectores propostos polas asociacións como a xardiñería, limpeza, servizos sociais... As empresas que participan neste programa de emprego comprométense a contratar a un tercio dos participantes como mínimo.

Nesta primeira fase realizarán prácticas 12 desempregados con cursos de formación especializada en Xardinaría e traballos forestais, 9 desempregados con cursos de formación especializada en xestión de residuos sólidos urbanos e industriais ou limpeza, 9 desempregados con cursos de formación especializada en auxiliar de axuda a domicilio nas seguintes empresas da cidade que asinaron este acordo co Concello:

  1. Enfermería de Gestión sociosanitaria S.L. (Arroupar)
  2. Urbaser S.A.
  3. Limpiezas domiciliarias lucenses S.L. (Limpiezas Alameda)
  4. Calfensa Proyectos S.L.
  5. Gestión y Técnicas del Agua (Gestagua S.A.)
  6. Abrite, Centro de día para persoas maiores.

Neste programa participan persoas cunha minusvalía reconocida de, ao menos, un 33% e que figuren inscritas como demandantes de empreo no Servizo Público de Emprego.

O Alcalde de Lugo, animou aos empresarios da cidade a continuar a facer apostas tan importantes coma esta e empregar a persoas con discapacidade, e indicou que pola parte que lle toca ao Concello continuaremos a traballar para procurar o maior benestar posible aos cidadáns.

Con este acordo o Concello de Lugo amosa o seu compromiso e interés por acadar a inserción laboral dos cidadáns, especialmente daqueles que teñen mayores dificultades no acceso ao mercado laboral.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova