Cargando....
Concello de Lugo
29/03/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Bota a andar a Oficina do Plan Urban no Concello de Lugo.


# Venres, 12/12/2008
O equipo xestor do proxecto, dependente da Concellería de Economía e Emprego, compóñeno tres persoas cunha recoñecida traxectoria profesional

A Oficina do Plan Urban, dependente da Concellería de Economía e Emprego, que dirixe Sonia Méndez, botou a andar en Lugo e traballa xa no desenvolvemento desta iniciativa europea que permitirá a modernización e revitalización do centro histórico lucense e o seu comercio.

O equipo xestor do Plan Urban compóñeno tres persoas cunha recoñecida traxectoria profesional,  baixo a dirección de Blanca Cañal.

            -Blanca Cañal (1961, Oviedo). É a directora do proxecto do Plan Urban do Concello de Lugo. Cañal dirixiu con anterioridade os proxectos dos Plan Urban de Valladolid (dende 1996 a 2001) e de Gijón (dende 2001 a 2008). O seu traballo nestas cidades centrouse en dinamizar zonas de creación empresarial e promover o desenvolvemento tecnolóxico.
Pola súa labor, Blanca Cañal recibiu destacados recoñecementos, como son o Premio de Boas Prácticas de Asentamentos Humanos Sostibles, auspicidado polas Nacións Unidas, no ano 2000, ou o Premio da Asociación de Polígonos Industriais de Asturias polos traballos realizados a favor dos polígonos da zona Urban Gijón, no ano 2003.
  
Blanca Cañal afronta con ilusión a posta en marcha do Plan Urban no Concello de Lugo, xa que considera que é “un proxecto ambicioso” e que suporá unha importante axuda para o  municipio “ao darlle un forte empuxe ao seu centro histórico”.

            -Isabel Barreiro (1973, Santiago). É a técnico do proxecto do Plan Urban

            -Cristina González (1982, O Corgo, Lugo), É a coordinadora de actividades do Plan Urban.

Tanto Isabel Barreiro como Cristina González contan cunha importante experiencia profesional xa que, ámbalas dúas, formaron parte do equipo de xestión do Plan de Excelencia Turística do Concello de Lugo. Durante catro anos traballaron na xestión e a posta en valor de proxectos de turismo cultural así como na cooperación co sector privado, aspectos que contribuiron a que a cifra de visitantes aumente ano tras ano en Lugo, e potenciaron o desenvolvemento turístico da cidade.

No seu primeiro día de traballo, o equipo da Oficina do Plan Urban foi recibido pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, que lles definiu as pautas de actuación, e con quen comezaron a estudar xa as liñas de apoio que se van establecer co comercio lucense, así como a elaborar os estudos para a posta en valor do edificio da vella cárcere da cidade.

O Plan Urban persegue a rexeneración económica e social do casco histórico a través dun programa integrado que implique un aproveitamento dos recursos endóxenos da cidade, centrándose na rehabilitación, a intervención en espazos públicos e a revitalización do comercio e o turismo dende unha perspectiva de sostenibilidade e participación cidadá.

O Concello de Lugo conseguiu este ano, por vez primeira, este proxecto, que supón un investimento para a cidade de 16 millóns de euros, procedentes de fondos FEDER -8 millóns de euros-, da Consellería de Economía da Xunta de Galicia -1 millón de euros-, da Deputación Provincial -3 millóns de euros- e do Concello de Lugo -3.942.000 euros-.  A súa consecución é unha mostra do intenso traballo que se leva a cabo dende o departamento de Economía e Emprego, que dirixe Sonia Méndez.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova