Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo adhírese ao manifesto Todos os Dereitos para todas as persoas:renovar o compromiso no Día Internacional dos Dereitos Humanos


# Mércores, 10/12/2008
É unha iniciativa de Amnistía Internacional para lembrar este día e o 60 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos

O Concello de Lugo aprobou no Pleno de setembro unha moción conxunta en defensa e cumprimento dos dereitos humanos

TODOS OS DEREITOS PARA TODAS AS PERSOAS RENOVAR O COMPROMISO
 
Hai 60 anos, os Estados lembraron o seu compromiso de "promover o progreso social e elevar o nivel de vida dentro dun concepto máis amplo da liberdade " e recoñeceron que "os seres humanos só poden liberarse do temor e da miseria se se crean condicións nas que todas as persoas poidan gozar de todos os dereitos humanos ".

Ao adoptaren a Declaración Universal dos Dereitos Humanos o 10 de decembro de 1948, os Estados comprometéronse a respectar e facer cumprir o conxunto dos dereitos humanos, civís, económicos, políticos, sociais e culturais, proclamando así o dereito a un nivel de vida digno.

Todos os dereitos humanos son universais, indivisibles e interdependentes, e ningún ten prioridade sobre outro. Xa que logo, a comunidade internacional debe tratar o conxunto dos dereitos de xeito global e de forma xusta e equitativa, en pé de igualdade e dándolles a todos o mesmo peso.

Para gozar plenamente do dereito á liberdade de expresión é preciso promover esforzos a prol do dereito á educación. Para gozar do dereito á vida é preciso reducir a mortalidade infantil, as epidemias e a malnutrición.

Porén, malia a promesa da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, só en 2007, 1.252 persoas foron executadas polo seu respectivo Estado en 24 países distintos, tamén se documentaron casos de tortura e malos tratos en máis de 81 países, e en 45 hai presos e presas de conciencia detidos. Ademais, 854 millóns de persoas padecen fame e 1.100 millóns de persoas non ven satisfeito o seu dereito a unha vivenda digna, das cales, máis da metade son mulleres.

Sesenta anos despois, aínda está por cumprir a promesa duns dereitos humanos universais e indivisibles para todas as persoas, que permitan facer efectivo o dereito a un nivel de vida digno e o ideal do ser humano libre.

Por iso, no 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos:

1.         Como institución, comprometémonos a renovar o compromiso cos dereitos humanos e a defender a súa universalidade, indivisibilidade e interdependencia, tal e como figuran na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

2.         Esta defensa será parte do noso traballo institucional diario mediante o establecemento dos medios precisos e a través do apoio ás vítimas e aos defensores e defensoras dos dereitos humanos que en todo o mundo traballan por facer real a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova