Cargando....
Concello de Lugo
28/03/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Política Territorial resolve o concurso para a construcción dun novo Auditorio de Lugo


# Venres, 12/12/2008


A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ven de resolver o concurso para a construción do novo Auditorio de Lugo, que se ubicará na avenida de Magoi, e que será encargado a Paredes Pedrosa Arquitectos S.L. , tal como fallou o xurado do concurso nun acto público celebrado esta mañá en Santiago.

O xurado, como órgano colexiado, escolleu a proposta realizada polo mencionado equipo de profesionais de entre os cinco concursantes que xa foran preseleccionados nunha primeira fase. Ademais de encargarse do proxecto definitivo, o equipo gañador recibirá un premio de 50.000 euros. Segundo o fallo do xurado, a proposta presentada por Andrés Perea Ortega quedou como segunda clasificada (polo que recibirá un premio de 30.000 euros) e Frechilla & López-Peláez Arquitectos FLP S.L. como terceiros clasificados (aos que se lles outorgan 20.000 euros). Ademais fíxose una mención honorífica especial a Mangado y Asociados S.L.

A partires de agora, a CPTOPT iniciará os trámites administrativos correspondentes para formalizar co equipo gañador a firma do contrato (no que se concretarán os prazos para a elaboración do proxecto final do auditorio) e, posteriormente, procederanse a licitar e adxudicar as obras, que comezaran o vindeiro ano.

Tal como establecía o concurso público convocado, o xurado analizou os criterios de valor arquitectónico, artístico e calidade do deseño; de viabilidade funcional, técnica e económica; desostenibilidade do deseño e custe de mantemento e conservación dos cinco anteproxectos presentados; e a integración no contexto urbano entre outros.

Respecto ao proxecto gañador, o xurado destaca o esquema organizativo da súa proposta onde cada unha das pezas (edificio principal, sala de concertos, escola de música,....) comparten un espazo de relación ao tempo que se garante o seu funcionamento de xeito independente. Segundo o xurado, trátase dunha proposta "volumetricamente contida e austera". Ademais cualifica de "acertada" a caracterización do edificio como "unha fachada-mirador" cara a avenida de Magoi e salienta a "transparencia transversal" conseguida cara a parte superior da parcela mediante a instalación dun sistema variable de apertura das salas principal e de concertos.

O xurado deste concurso está formado polo seu presidente (o director xeral de Urbanismo), cinco vogais (dous representantes da Consellería de Política Territorial, un designado polo Concello de Lugo, outro pola Consellería de Vivenda e Solo e outro en representación do Colexio de Arquitectos de Galicia), un representante da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e outro da Intervención Xeral da Xunta.

Datos técnicos
O investimento estimado pola Dirección Xeral de Urbanismo para a construción do auditorio de Lugo ascende a 15,5 millóns de euros. Con estas previsións, a Consellería de Política Territorial xa ten reservado un fondo inicial de 14 millóns de euros (fronte aos cinco previstos polo anterior Executivo) para garantir a materialización do novo edificio, que terá unha superficie total construída de 9.000 m2.

Segundo o prego de características técnicas establecidas no concurso, o futuro auditorio de Lugo contará cun gran salón de actos con aforo para 900 persoas (entre patio de butacas e anfiteatro), e con outra sala menor destinada a representacións teatrais, concertos e conferencias con aforo para 300 persoas.

Así mesmo, disporá dunha área complementaria para congresos e exposicións (de 500 m2 de superficie), escola de música (con catro aulas con almacén para instrumentos), mediateca (dotada con sala de lectura e consulta, área de información e préstamos, arquivo, sala de proxeccións e cabinas individuais) e zonas de usos públicos colectivos e área administrativa. Tamén se construirá un aparcadoiro que contará con 300 prazas como mínimo.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova