Cargando....
Concello de Lugo
28/03/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Medio Ambiente pon en marcha unha campaña informativa para lembrar os horarios de baixada de lixo


# Martes, 16/12/2008
Incidirá na necesidade de colaboración veciñal para o bo funcionamento do servizo Quita e Pon no centro histórico

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, acompañado polo xerente de Urbaser, Juan Ángel Moreno, presentou unha nova campaña informativa do Concello de Lugo para concienciar á cidadanía da importancia de respectar os horarios de baixada e recollida do lixo na cidade.

A campaña que se leva a cabo coa colaboración de Urbaser, dará comezo coincidindo coas festas de Nadal. Incide moito no Servizo Quita e Pon que esta concellería puxo en marcha o pasado mes de agosto. González Dopeso lembrou que esta iniciativa “para a que é imprescindible a colaboración de veciños e hostaleiros”, mellora a estética do centro e elimina os malos olores ao longo do día coa retirada dos colectores ata as 20:30 horas.

Neste servizo é fundamental que os veciños e veciñas da zona teñan en conta que os colectores non están nas rúas ata as 20:30 horas e que se volven a retirar ás 23:00 horas, co cal este tramo é o establecido para a baixada do lixo.

A esa hora un camión do servizo municipal de lixo, volve para retirar os colectores para o seu baleirado e posterior lavado. Deste xeito limparanse diariamente, evitando os malos olores que producen os residuos orgánicos. Este horario será aplicable tanto para os residuos domiciliarios como para os residuos de orixe comercial ou de oficina.

Outra das demandas da cidadanía era coñecer con exactitude o horario de baixada de lixo no resto da cidade, por iso o Concello decidiu poñer en marcha esta campaña informativa. Colocaranse máis de 1.000 pegatinas de vinilo especial para exterior, nos colectores verdes do centro e dos barrios, destacando os horarios de baixada do lixo en cada zona e a importancia da colaboración cidadá. Paralelamente, comezará unha intensa campaña en radios e prensa escrita para dar a coñecer esta información e outras relacionadas coa recollida de lixo e o medio ambiente.

Dúbidas como qué facer cos medicamentos caducados, radiografías, pilas ou material informático, serán resoltas mediante unha campaña mediática que terá lugar dende mediados de decembro ata principios do ano 2009.

Decidiuse comezar coincidindo co Nadal porque se incrementa a presenza de xente nas rúas do centro e tamén aumenta considerablemente o volume de lixo producido por cada fogar.

Novo horario de Nadal
O Concelleiro de Medio Ambiente, anunciou ademais que durante a noite do 24 e 31 de decembro ampliarase o horario de recollida na zona centro mantendo os colectores nas rúas toda a noite e retirándoos de novo a partir das 7 da mañá.

Recollida de vidro
Lino González Dopeso, tamén presentou como novidade a instalación de 20 igloos para a recollida de vidro ao sector hostaleiro e 86 cubos para que poidan trasladar o vidro ata o colector. Este servizo está dirixido a bares e restaurantes ubicados nas proximidades e que xeren unha gran cantidade de residuo deste tipo.

Este novo sistema que substituirá ao antigo diferenciase en que está dotado dun sistema de elevación de colectores e pechadura para estar a disposición da hostalería lucense, xeradora da maior parte do residuo de vidro.

Lugo limpo, gústame máis
O departamento de González Dopeso retoma ademais o slogan Lugo limpo, gústame máis porque define perfectamente a filosofía que mantén este equipo de goberno sobre a limpeza da cidade.

O Concello de Lugo mantén unha traxectoria moi positiva na xestión da recollida do lixo e a limpeza das súas rúas. É membro de pleno dereito da Rede Española de Cidades polo Clima e está a levar a cabo unha importante renovación das ordenanzas municipais en materia ambiental, que inclúen a relativa a residuos sólidos urbanos e limpeza viaria.

A creación do Punto Limpo no ano 2006, o soterramento de colectores, o plan de renovación de papeleiras -antes de fin de ano todos os barrios de Lugo terán papeleiras renovadas-, ou o cambio do sistema de recollida de lixo con colectores de carga lateral tamén foron trascendentais no cambio de imaxe que está a vivir a cidade e que lle valeron a obtención da Escoba de Prata 2008.

Este galardón premia e distingue as actuacións de limpeza, aseo urbano e xestión de residuos realizados polos municipios, empresas ou entidades. A Escoba de Prata premia unha traxectoria e permitirá que Lugo opte na vindeira edición á Escoba de Ouro, xa que é un requisito indispensable contar cunha de prata para acceder ao premio maior.

En maio de 2007 comezou a funcionar o novo sistema de recollida de lixo en Lugo e na actualidade hai máis de 1.400 colectores de maior tamaño que poden soportar entre 2.400 e 3.200 litros de carga. Neste momento o Concello ten 3.236 colectores nas rúas da cidade




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova