Cargando ...
Concello de Lugo
23/09/14
PRESENTACIÓN
Escoita esta páxina

TURISMO "VEN DAR UNHA VOLTA POR LUGO"


Fundada polos romanos co nome de Lucus Augusti, a cidade de Lugo atesoura máis de dous mil anos de historia e patrimonio. A Muralla Romana é a mellor testemuña da súa evolución, pois dende que foi erixida perdurou inquebrantable ao longo dos séculos, converténdose no símbolo por excelencia desta capital galega. Ademais da muralla, son moitos os atractivos de Lugo, que merece uns días para perderse nas súas rúas. Ven con tempo e coñece todos os seus encantos: os seus monumentos, a súa gastronomía, a súa natureza, a súa xente.

Fotografía de la feria de Artesanía de Lugo

Máis de dous mil anos de historia dan para moito. Por iso, visitar Lugo convértese nunha viaxe ao pasado e require empregar un tempo para descubrir con calma todos os recantos que esconde esta máxica cidade bimilenaria. Un dos praceres que descobre o viaxeiro que se deixa namorar pola capital amurallada é o de esquecer as présas. Lugo ofrece o engado das cidades nas que o tempo parece deterse, e o visitante pódese entregar ao luxo de pasear sen rumbo polas súas apracibles rúas e descubrir sosegadamente os seus mil e un recantos engaiolantes.

Fotografía del centro de LugoE se algo caracteriza Lugo é a extraordinaria hospitalidade con que acolle os seus visitantes: a muralla romana ten sempre as portas abertas. Lugo presume orgullosa da única muralla romana do mundo que conserva íntegro o seu perímetro, e que se converteu en emblema da cidade sobre todo dende que no ano 2000 a Unesco a declarou Monumento Patrimonio da Humanidade. Cando descobre estes muros, o viaxeiro non deixa de sentirse abraiado pola beleza sólida e serena desta construción defensiva, e ao percorrer as súas pedras coa ollada pode percibir o paso da historia. A sorpresa medra cando sobe ao adarve da muralla a percorre os seus máis de dous quilómetros de perímetro. Ao descubrir dende o alto da muralla as cores da campía lucense, os lousados e as chemineas do casco antigo e as soberbias torres da catedral, o tempo parece deterse. E nada máis romántico para os namorados ca un paseo pola muralla baixo o ceo estrelecido. O silencio da noite e das pedras foi cómplice de xeracións e xeracións de lucenses que, baixo a lúa, gozaron deste paseo único no mundo.

Histórica, monumental, gastronómica... O viaxeiro que chega a Lugo atopa unha cidade cun engado especial pola beleza da súa muralla, do seu casco histórico e do paso do río Miño. A lembranza que perdurará na súa memoria é a dunha cidade acolledora onde ninguén é estraño e que sempre ten as súas portas abertas.

LUGO MONUMENTAL

A muralla é a peza estrela dun rico patrimonio histórico e artístico que Lugo atesourou ao longo destes dous mil anos de existencia. Entre outros tesouros, Lugo conta no seu legado con importantes vestixios medievais, coma a catedral e o burgo vello, ou barrocos, como algúns dos edificios máis fermosos da cidade. Para difundir este legado, Lugo conta cunha rede de Museos Municipais especializados no patrimonio arqueolóxico, herdado fundamentalmente da época romana. A oferta cultural complétase co Museo Provincial, situado no antigo convento de San Francisco, e cunha coidada programación cultural que desenvolve o Concello de Lugo ao longo de todo o ano.

Fotografía de la muralla de Lugo Fotografía de la catedral de Lugo

LUGO VERDE, LUGO SAUDABLE

Fotografía del Río Miño a su paso por LugoAlén do Lugo monumental, hai outras moitas facetas, coma o seu perfecto equilibrio entre tradición e modernidade, que lle confiren á cidade un engado especial. Ademais, Lugo destaca polo coidado dos seus espazos naturais.

O horizonte está marcado pola fermosa paisaxe da campía lucense. As súas magníficas fragas autóctonas ofrecen ao longo de todo o ano espectaculares imaxes. Precisamente, o Camiño Primitivo de Santiago percorre estas fantásticas paisaxes ao seu paso polo municipio. Outra forma de descubrir estas paraxes é a través das catro rutas que o Concello ten habilitadas, que permiten percorrer o Lugo rural polas tradicionais corredoiras e carreiros. Ademais, a cidade está rodeada por un cinto verde de máis de dez quilómetros de paseo que transcorre á beira do río Miño e do río Rato. E resulta imprescindible facerlle unha visita ao Parque de Rosalía de Castro que ofrece, en pleno centro da cidade, 23 hectáreas de zona verde e un miradoiro único que permite contemplar uns solpores espectaculares.

Outra das facetas máis atractivas de Lugo é a relativa á saúde e ao benestar. Trátase dunha das máis valiosas herdanzas que os romanos lle deixaron á cidade. Falamos das Termas, situadas na ribeira do Miño, onde se acha o Balneario de Lugo cunha ampla oferta de tratamentos termais. Nos últimos anos, a oferta de turismo termal ampliouse na cidade coa apertura de máis establecementos, coma o Spa do Gran Hotel de Lugo.

E PARA COMER, LUGO

A boa gastronomía é outro dos puntos fortes da cidade. É famoso o lema "E para comer, Lugo", que fai referencia á exquisita gastronomía que se pode degustar nos numerosos restaurantes lucenses. Caracterízase pola sabedoría con que os chefs locais souberon combinar a tradición secular coas tendencias máis actuais. Entre as principais razóns do éxito dos seus pratos está a magnífica calidade dos produtos autóctonos que ofrecen a terra e o mar. Unha horta variada, carnes de primeira clase (coma a Tenreira Galega, o capón de Vilalba, o porco celta ou as aves de curral), e froitos do Cantábrico como saborosos mariscos e peixes frescos, constitúen os ingredientes fundamentais das receitas máis famosas da capital. Para probar, o caldo galego, o lacón con grelos, o polbo á feira, a carne ao caldeiro ou as filloas con mel, entre outros moitos pratos.

Fotografía de caseta de pulpo en San Froilán Fotografía de la zona de taas en el casco antiguo

O viaxeiro sorprenderase coa tradición do tapeo. Xeracións de lucenses encóntranse nos bares e nas tabernas que se distribúen por todas as rúas da cidade para gozaren dunha das experiencias cotiás que máis satisfacción ofrecen a veciños e visitantes: compartir un bo parrafeo con amigos e familiares e desgustar asemade unha cunca de viño acompañada por unha tapa ben sabedora. Todos os que se achegan a calquera taberna ou bar da cidade gustan gratuitamente dunha boa tapa canda a súa consumición. A variedade das tapas é inmensa, poden ser quentes ou frías, de culler ou de garfo, tradicionais ou de nova cociña... pero sempre exquisitas.

E para queimar calorías, tamén Lugo. Nada mellor ca practicando deporte. A cidade conta con importantes infraestruturas deportivas, e a Concellería de Deportes ofrece unha variada programación de actividades deportivas, dende o tiro con arco ao boxeo, á patinaxe artística ou ao balonmán. Son famosas as súas competicións deportivas de piragüismo e atletismo. A carreiras coma o “Corre Con Nós” concorren cada ano centos de atletas de diferentes puntos de España.

Histórica, monumental, gastronómica... O viaxeiro que chega a Lugo atopa unha cidade cun engado especial pola beleza da súa muralla, do seu casco histórico e do paso do río Miño. A lembranza que perdurará na súa memoria é a dunha cidade acolledora onde ninguén é estraño e que sempre ten as súas portas abertas.

Canal Oficial de Turismo en YouTubeCanal oficial de Turismo en YouTube
www.youtube.com/user/OficinaTurismoLugo?feature=mhsn

Web oficial de Turismo de Lugo: www.lugoturismo.com

RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova