Alcaldía

Benvida á Casa do Concello Virtual

Paula Alvarellos Fondo, Alcaldesa de Lugo

A grande revolución tecnolóxica que tivo lugar nas últimas décadas do século XX apenas pode ser comparada pola súa rapidez, profundidade e extensión con ningún outro proceso histórico. As persoas da miña idade tivemos o privilexio de asistir ao progreso acelerado da informática, e moi especialmente, a partir da década dos 90,  ao desenvolvemento da Internet, que permite o acceso a unha enorme masa de información e a unha comunicación instantánea e gratuíta entre todos os puntos do planeta.

Como consecuencia, o mundo xa non ten propiamente un “centro”. En tempos pasados, París, Londres, Nova York, podíanse atribuír o papel de centros culturais, de lugares con información privilexiada. Hoxe esa información está dispoñible instantaneamente no ciberespazo, e Lugo atópase, coma calquera outro lugar, no centro do mundo.

Moitas cousas cambiaron na vida cotiá dos países desenvolvidos coa implantación de Internet. Naturalmente, canto máis novas son as persoas, menos se dan conta dese cambio, dentro do cal se criaron, e máis cambiadas foron elas mesmas. E viceversa: canta máis idade tiñan cando o cambio empezou, máis se dan conta da dimensión desta revolución. Pero o que produce asombro é a capacidade de adaptación de moitos que xa eran adultos nos anos 90 e que hoxe dominan as ferramentas informáticas con gran soltura e competencia.

Un dos eidos máis positivamente afectados pola Internet é o das administracións públicas. O Concello de Lugo xa entrou hai bastantes anos neste proceso, e esta nova web, mellorada, ampliada e modernizada, é un paso adiante, que naturalmente será seguido por outros máis. Para min persoalmente, e creo que para toda a Corporación, a mellora continua da nosa presenza na Internet é unha tarefa irrenunciable.

Con este novo portal, o Concello de Lugo busca promover unha administración virtual que axilice os trámites, facilitar unha información completa e áxil sobre as novidades municipais e ofrecer unha canle de comunicación interactiva coa cidadanía lucense e con todas as persoa do mundo, que a través dela poderán expresar as súas suxestións e as súas críticas, as súas dúbidas e as súas preguntas.

Esta é tamén unha fiestra que abre Lugo ao resto do mundo, con información sobre a cidade, a súa historia, os seus monumentos, a súa natureza, a súa xente. Calquera pode abrir esta fiestra e ver como somos, desde Lugo ou desde Nova York.

Mais estas novas facilidades non nos van facer esquecer que o contacto persoal directo é insubstituíble. O Concello de Lugo é tamén a casa física do pobo, e as nosas instalacións, as nosas oficinas, os nosos despachos están abertos a todas as persoas para seren atendidas persoalmente pola alcaldesa, pola Corporación, polas traballadoras e traballadores que temos o privilexio de servirvos.