Biografía da Alcaldesa

Lara Méndez

Lara Méndez, Alcaldesa de Lugo

Lara Méndez López (Suíza, 1972) é Enxeñeira Técnico Agrícola de profesión. Desenvolveu durante preto de dez anos a súa carreira profesional en diversos ámbitos, relacionados fundamentalmente co sector agrario e ambiental.

Iniciou a súa etapa laboral traballando na actualización das valoracións catastrais do chan rural nas comunidades de Galicia e Castela e León.

Levou a cabo labores de docencia, impartindo cursos de formación relacionados co sector agrícola a desempregados, traballadores e emprendedores en diferentes puntos de Galicia.

Contribuíu, como técnico dunha asociación, ao desenvolvemento do medio rural a través de proxectos financiados con fondos da Unión Europea. Nesta etapa traballou polo dinamismo do movemento asociativo do medio rural impulsando a creación da federación galega de FADEMUR (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais), da que posteriormente foi vicepresidenta.

Antes de pedir a excedencia, traballou como técnico medioambiental na empresa Tragsatec.

Iniciouse politicamente como membro de Xuventudes Socialistas, formación da que foi Secretaria Xeral no municipio de Cervo. Foi Secretaria Xeral da agrupación local socialista deste concello e Secretaria de Organización da Executiva da comarca da Mariña, ademais de membro da Comisión Executiva Nacional Galega na etapa de Emilio Pérez Touriño. Na actualidade é membro do Comité Federal do PSOE e Presidenta do partido na provincia de Lugo.

A nivel institucional, foi concelleira durante 12 anos na Corporación municipal de Cervo e Vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo entre 2007 e 2015, ano no que tomou posesión como Alcaldesa de Lugo.