Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
Contido
Escoita esta páxina

LEVANTAMENTOS TOPOGRÁFICOS DA MURALLA ROMANA DE LUGO


Durante os anos 2008-2010 o grupo Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago realizou para o Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo, dous levantamentos topográficos da Muralla Romana de Lugo que veñen a encher un oco moi importante de información sobre o monumento, xa que só se dispoñía de estudios previos parciais ou sen referencias, que imposibilitaban a integración con outros estudios ou coa cartografía existente da cidade.

Descargar presntación do Estudio topográfico da Muralla de Lugo (arquivo pdf 2.8 MB)


O primeiro traballo consistiu nun levantamento topográfico clásico da Muralla e do seu contorno mediante topografía clásica, e o segundo nun levantamento con Láser Escáner Terrestre, só do monumento.

Esta segunda técnica de medición é pioneira en Galicia, sendo aínda escasos os traballos realizados con ela na nosa comunidade, e testimoniais as medicións deste tipo, que xa nin a nivel nacional se realizaron coa envergadura e complexidade que a Muralla de Lugo presenta para estes estudios. O sistema estase a erguer como a ferramenta máis axeitada para o estudio do Patrimonio Histórico, xa que permite realizar documentacións xeométricas de superficies e volumes con extrema precisión e gran densidade de información.


Paralelamente ó traballo de campo, no primeiro levantamento, estableceuse unha rede de puntos de referencia sobre o adarve, con máis de 200 bases topográficas que permitiron dotar de coordenadas reais ámbolos dous traballos. Deste xeito os dous levantamentos se presentan a escala real, no sistema oficial de coordenadas, permitindo e facilitando a interoperatividade coa cartografía existente e futura da cidade.

O traballo iniciado no ano 2008, consistiu nun levantamento topográfico con precisión subcentimétrica de todo o monumento, pero tomáronse tamén datos do contorno máis inmediato, tanto da zona extramuros (Ronda da Muralla) como da intramuros (Casco Histórico), incluíndo terrazas, xardíns, hortas e beirarrúas. O levantamento realizouse con estación total e GPS, tomándose individualmente cerca de 25 mil puntos, distribuídos en 52 capas de información, para facilitar a xestión dos datos.

Unha vez medido, elaborouse un croquizado da figura en 3D co que se creou unha cartografía completa en coordenadas reais oficiais, para permitir a compatibilidade con outras cartografías da cidade.

Durante á fase de xeración e tratamento da información, creouse unha base de datos sobre unha plataforma de Sistema de Información Xeográfica (SIX), á que se pode incorporar toda a documentación cartográfica, pero tamén alfanumérica, e que serve como ferramenta de xestión integral da Muralla de Lugo para os técnicos da Área de Arqueoloxía do Concello de Lugo, podendo engadir datos xerados sobre todo polas intervencións arqueolóxicas e de rehabilitación, así como tamén a documentación histórica.

Na medición con láser escáner terrestre (proxecto iniciado a finais do 2009) , o resultado foi una nube moi densa de puntos que posibilita o desenvolvemento de modelos 3D de precisión milimétrica. As medicións finais preséntanse con unha resolución que varía entre 3 e 5 cm. entre puntos, superando globalmente os 100 millóns de puntos. Ademais de cada área escaneada, o instrumento recolleu información de imaxe (fotografía), que nos informa do estado da zona estudada no momento da medición, e tamén datos sobre a cantidade de luz láser reflectida pola superficie, moi útil para o estudio de materiais.

Aparte dos puntos que definen a figura básica do monumento, tomáronse outros correspondentes a elementos ou accidentes particulares tales como resaltes, gretas, varandas ou escaleiras, e prestouse tamén especial interese a elementos de alto valor arqueolóxico, que ata agora non se topografiaran nunca, como as escaleiras primitivas escavadas, fustes incrustados, aras ou aspilleras embebidas nos muros ou a liña primitiva da zona do Reduto de María Cristina.

O produto deste levantamento topográfico conforma a información base que vai posibilitar o desenrolo de numerosos traballos de gran precisión relacionados coa Muralla nos próximos anos, como son

- Modelos dixitais realistas.
- Reconstrucións virtuais e elaboración de material divulgativo.
- Estudios de deformacións, gretas ou estados de conservación.
- Identificación, clasificación e análise de materiais.
- Reconstrucións e rehabilitacións.
- Inventariación e cálculo de variables inabordables ata agora, como volumetrías, superficies de paramentos, seccións, etc.

Polo tanto, o Concello de Lugo conta agora cos datos base punteiros, en canto a precisión e volume de información cartográfica, útil para múltiples aplicacións, tales como traballos de conservación do patrimonio, estudios técnicos e investigacións, actuacións urbanísticas, aplicacións turísticas e de promoción, etc. que un monumento Patrimonio da Humanidade merece e precisa.


RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova