Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
Contido
Escoita esta páxina

"A OBRA ELIXIDA". ARTISTAS GALEGOS DOS ÚLTIMOS 30 ANOS.


 

Permanecerá aberta ao público do 29 de novembro ao 15 de febreiro, de martes a domingo, en horario de 17:00 a 21:00.
Para grupos de estudantes, polas mañás con cita previa nos teléfonos 652 471 213 / 626 340 910 / arteentransitoarrobagmail.com.
Os días 24, 25 e 31 de decembro e 1, 5 e 6 de xaneiro estará pechada.

A obra elixida, artistas galegos dos últimos 30 anos é a exposición que inaugura a programación de exposicións temporais do Museo MIHL. A idea de traballar sobre arte galega contemporánea estivo sempre presente, traballar sobre o propio, fronte ao gran nivel de internacionalización cultural que vivimos. Facendo así unha lectura presente da arte galega en activo, fuxindo de separacións xeracionais e idades. A importancia do lugar, Lugo, é outro punto de partida, poñer aos artistas que son ou traballan na cidade de Lugo en diálogo cos artistas do resto de Galiza. Así están presentes artistas lucenses como Antonio Murado, Jesús Otero e Mar Vicente; artistas de adopción que teñen o seu lugar de creación nesta cidade: Vicente Blanco e Salvador Cidrás. Ademais de artistas que teñen a cidade de Lugo como referente especial, Félix Fernández (Viveiro), Rubén Santiago (Sarria).

As obras de arte nacen dos artistas, unha vez nacen teñen vida propia, aínda que nunca poden romper coa súa orixe. Cando a obra inicia a súa vida está exposta aos vaivéns de esta. Son outros os que as ven e desexan por moi diferentes motivos. A obra pasa a ser a elixida de outros, espectadores, coleccionistas, museos, etc . O artista ten que observar a obra a distancia. Pero, que pasa se a obra volve a vivir co seu creador? Cada artista convidado nesta exposición debe elixir unha obra da súa autoría e dicirnos o porque da súa elección. Os motivos da escolla resultaron moi variados: a obra que marcou a miña traxectoria artística; unha obra vinculada cun acontecemento persoal destacado; unha das mellores obras; a obra preferida; a última obra realizada; a revisión actual dunha obra anterior; unha obra concedida para o espazo da exposición.
A proposta de elixir quere dar voz aos artistas, que sexan eles os que escollan a obra coa que queren reencontrarse, que manifesten a súa preferencia e a compartan co espectador. Elixir é preferir a unha persoa ou cousa a outras para un fin. Elixir obriga a escoller entre varias opcións, neste caso entre toda a produción creativa do artista, é por isto que todas as obras presentes nesta exposición están cargadas de distinción, son enormemente especiais e así no lo fan saber os seus creadores a través dos textos que as acompañan. O artista é xeneroso con nós e móstranos moito máis que a visualización da obra, danos a coñecer as súas debilidades dentro do preferido, o querido. Temos ante nos 16 obras seleccionadas, predilectas, favoritas, elixidas para un fin.

Artistas

JORGE BARBI, A Garda, Pontevedra, 1950
MANUEL VILARIÑO, A Coruña, 1952
MENCHU LAMAS, Vigo, 1954
FRANCISCO LEIRO, Cambados, Pontevedra, 1957
XOÁN ANLEO, Marín, Pontevedra, 1960
PAMEN PEREIRA, Ferrol, A Coruña, 1963
JESUS OTERO, Lugo, 1963
ANTONIO MURADO, Lugo, 1964
SALVADOR CIDRÁS, Vigo, 1968
CARME NOGUEIRA, Vigo, 1970
VICENTE BRANCO, Santiago, 1974
RUBEN SANTIAGO, Sarria, Lugo, 1974
FELIX FERNÁNDEZ, Celeiro-Viveiro, Lugo, 1977
AMAYA GONZALEZ REYES, Pontevedra, 1979
MAR VICENTE, Lugo, 1979
RITA RODRIGUEZ, A Coruña, 1981


RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova