Imprimir

CAMPAÑA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA


Xoves, 9 de Xaneiro de 2014

Información:

Introducción

Co desenvolvemento desta campaña preténdese dar cumprimento ao establecido no Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia 2010-2020 que establece como primeiro chanzo na xerarquía de opcións a xestión por medio da compostaxe de fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos.

Concienciar á poboación na necesidade de reducir o volume de residuos, sensibilizala sobre os beneficios ambientais do emprego da técnica de compostaxe doméstica e capacitala para a elaboración de compost a esta escala, favorecendo a redución dos custes económicos e ambientais vencellados á cantidade de residuos orgánicos xerados polo concello, así como aqueles asociados aos desprazamentos necesarios para a súa recollida, promovendo os beneficios económicos e ambientais derivados da obtención dun abono natural de destacado valor agronómico.

Denominación e breve descrición do proxecto de compostaxe doméstica

Este proxecto implicará a unha parte representativa da poboación deste concello para a súa iniciación na técnica da compostaxe doméstica. Está enfocado ás zonas rurais do concello e ás urbanizacións de casas unifamiliares con parcela. Para iso preténdese que cen fogares participen neste programa. Estes fogares deben cumprir cuns requisitos mínimos como son a existencia dunha parcela na que se colocará o composteiro, ou a existencia dunha horta ou xardín no cal se empregará o compost como produto obtido.

O programa de compostaxe doméstica levarase a cabo en varias fases, que inclúen actos de sensibilización e divulgación entre a poboación, formación para os participantes do proxecto, seguimento do proceso de compostaxe, análise do compost, e emisión do informe final. No seguinte apartado desta memoria explícase cada unha destas fases. Tanto no proxecto como na documentación xerada durante a execución deste utilizarase o idioma galego.

Compre deixar constancia de que a pesares de que na capital reside a maior parte da poboación, a zona rural ocupa a maioría da súa superficie con 54 parroquias e un grande número de núcleos e lugares tipicamente rurais

Actividades a desenvolver
  • Campaña de sensibilización

    O Concello de Lugo leva a cabo unha campaña de promoción e sensibilización ambiental sobre a compostaxe doméstica coa colaboración de SOGAMA, co obxectivo de dar a coñecer á poboación do concello en qué consiste esta técnica de valorización dos residuos orgánicos que se xeran nos fogares. Esta campaña ten dúas partes, por un lado distribuiranse carteis e manuais de compostaxe, que se colocarán nos puntos de información máis representativos do concello. Por outra banda convocaranse cinco actos de promoción e sensibilización ambiental nos que a poboación do seu termo municipal, poderá coñecer o Proxecto de Compostaxe Doméstica e os beneficios ambientais que supón a valorización dos residuos orgánicos que se xeran nas casas.

    Técnicos con experiencia no proceso de compostaxe serán os encargados de realizar un relatorio no que se explicarán as diferentes fases que se levarán a cabo para a obtención do compost, os residuos e materiais necesarios para a utilización desta técnica de valorización, así como as vantaxes e beneficios ambientais que se obterán coa utilización deste proceso.

    Con esta campaña preténdese fomentar o interese da poboación do Concello de Lugo na técnica da compostaxe e con isto potenciar a súa participación neste programa.

  • Solicitudes

    Están a disposición dos posibles participantes, os formularios de solicitude para participar neste programa piloto.

    • Tramitación de solicitudes

    A poboación pode realizar as súas solicitudes de participación no programa de compostaxe doméstica, entregando no Rexistro Xeral do Concello a solicitude que está a disposición dos cidadáns, e que tamén pode ser descargada na web municipal.

    • Selección dos fogares participantes

    Técnicos con experiencia nos procesos de compostaxe doméstica, serán os encargados de seleccionar os fogares máis idóneos, analizando as variables indicativas de cumprimento dos requisitos mínimos que deben cumprir os participantes, para o que se estudarán cada un dos formularios de solicitude.

    Sobre a base dos resultados obtidos desta análise elaborarase unha lista de participantes e de reservas, por se producen baixas ou nun momento dado se amplía o programa a máis fogares.

  • Os composteiros

    Para levar a cabo a técnica da compostaxe, é necesario que cada unha das cen vivendas seleccionadas para participar neste programa piloto, teñan un composteiro co cal se optimice a técnica da compostaxe.

    O composteiro é un recipiente que permite a circulación do aire no seu interior, onde se depositan os residuos orgánicos que van dar lugar ao compost, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar refugallos coma para extraer o compost.

    A súa función é manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a obtención do compost. E ademais evita a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso da compostaxe.

    Os composteiros están fabricados con materiais reciclados e son tamén reciclables.

  • Cursos de formación para a compostaxe

    Unha vez seleccionados os fogares participantes do Programa Piloto de Compostaxe Doméstica, é necesario capacitalos para levar a cabo con éxito o programa de compostaxe.

    A formación será impartida por técnicos competentes na materia. Impartirase un curso de 2,5 h de duración cuxo programa se detalla a continuación:

    • Tema 1. Introdución á compostaxe doméstica.
    • Tema 2. Definición da compostaxe doméstica.
    • Tema 3. Que se necesita para facer compost
    • Tema 4. O composteiro.
    • Tema 5. Proceso a seguir.
    • Tema 6. Materiais para compostar.
    • Tema 7. Supervisión e control.
    • Tema 8. Posibles problemas e solucións.
    • Tema 9. Obtención do compost e aplicacións.
    • Tema 10. Beneficios do compost.
  •  

  • Visistas porta a porta para o seguimento do proceso da compostaxe doméstica

    A seguinte fase será o inicio da xeración do compost, para iso os mestres composteiros serán os encargados de realizar as visitas aos fogares participantes, que seguirán a seguinte secuencia.

    • Visita inicial: situación do composteiro da forma máis idónea en cada un dos fogares.
    • Visitas de seguimento: realizaranse de forma periódica a cada un dos domicilios para comprobar que o proceso se realiza de acordo coas técnicas de compostaxe establecidas. Durante estas visitas rexistraranse as incidencias que se puidesen producir e resolveranse as dúbidas que poidan xurdir aos participantes.
    • Visita de comprobación do proceso: Para verificar que realmente se está a utilizar o compost ou ben xestionando de forma axeitada.
  •  

  • Toma de mostras e análise do compost

    Co obxectivo de poder avaliar o resultado do proceso de compostaxe, realizarase unha mostraxe representativa dos aboamentos obtidos para a súa posterior análise. Cos resultados obtidos poderase concluír se o produto logrado foi da calidade esperada, ou se obtivo algún valor, que a priori se considere anómalo, procedendo a investigar os motivos destes resultados.

  • Emisión do informe final

    Todas as actividades levadas a cabo ao longo do proxecto serán recollidas nun informe final. Neste informe emitiranse unhas conclusións sobre este proxecto de compostaxe no Concello de Lugo.

  • Xornada de divulgación e peche do proxecto

    Unha vez rematadas as anteriores actividades, realizarase unha xornada coa participación de SOGAMA, na que se divulgarán os resultados do proxecto, e se animará á poboación a introducirse na práctica da compostaxe doméstica. Nesta xornada distribuiranse tamén manuais de compostaxe doméstica para aqueles cidadáns que así o demanden.

Obxectivos perseguidos e destinatarios das actuacións propostas

No Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020, sinálase a prevención coma o primeiro chanzo na xerarquía de opcións de xestión por medio da compostaxe da fracción orgánica dos residuos urbanos; impulso á recollida selectiva desta fracción orgánica dos residuos urbanos para mellorar a calidade do compost; establecemento de normas de calidade agronómica para ampliar o seu uso na agricultura, xardinería, silvicultura e restauración ecolóxica nas obras públicas; Adopción dun Plan Nacional para a redución da vertedura de materia orgánica biodegradable.

Relacionado con este principio, establécese a realización de experiencias para a promoción da compostaxe doméstica, que permitan concienciar á poboación sobre a necesidade de reducir o volume de residuos e capacitala para a elaboración de compost a escala doméstica.

O Concello de Lugo sobre a base dos principios expostos neste Plan e como entidade local coñecedora da problemática existente entorno á xestión de residuos na nosa sociedade, pon en marcha un programa de compostaxe doméstica, co obxectivo de promover e poñer en práctica a técnica da compostaxe doméstica, obtendo os beneficios ambientais que proporcionan este tipo de actividades, que axudan a xestionar dun xeito máis correcto os posibles residuos susceptibles de xerarse.

O obxectivo principal deste programa é concienciar e sensibilizar a poboación do Concello de Lugo dos beneficios ambientais que se poden obter coa utilización da técnica da compostaxe doméstica. Para iso utilizarase esta técnica coa que se obterá un abono natural cun valor agronómico cuxas calidades destacables son as que se enumeran a continuación:

  • É un sistema de reciclaxe, cunha útil revalorización do residuo.
  • A mellora notoria nas propiedades químicas e bioquímicas dos chans.
  • A súa utilización fai que o chan reteña máis auga.
  • Aforro económico en abonos químicos.
  • O compost é aplicable como substrato, o seu uso ten importancia no cultivo de plantas ornamentais.

Ademais establécese como obxectivo a obtención dos beneficios obtidos pola aplicación desta técnica que serán:

  • Unha redución dos residuos orgánicos que son valorizados enerxéticamente nas instalacións de SOGAMA, que leva implícito un menor custo de entrega dos residuos desta entidade, por parte do Concello.
  • Beneficia ás especies vexetais: como xa se mencionou anteriormente, obtense un abono de alta calidade, que se poderá utilizar para o cultivo, tanto de plantas ornamentais como agrícolas.
  • Reduce os olores e a cantidade de materia orgánica do lixo doméstico que se entrega a SOGAMA para o seu tratamento.
  • Reduce custos á comunidade.
  • Reduce os desprazamentos aos colectores de residuos e o cheiro do lixo no fogar.
  • Achega os nutrientes necesarios para o desenvolvemento das plantas sen contaminar os chans nin a auga.
  • Control da erosión, capacidade de retención de auga e porosidade. A materia orgánica no compost actúa como un aglomerante captando as partículas do chan, o que evita que as leve o vento ou a auga. Esta calidade fai que os chans pobres e sen estrutura se convertan en chans saudables e cunha estrutura, incrementando a porosidade da terra.
  • A poboación concienciarase da importación de valorizar os residuos que se xeran nas súas propias casas, achegando o seu "gran de area" á conservación do medio.

 

Medidas de educación e sensibilización ambiental

O Concello de Lugo desenvolverá unha campaña de promoción e sensibilización ambiental sobre á compostaxe doméstica, co obxectivo de dar a coñecer á poboación do concello en que consiste esta técnica de valorización dos residuos orgánicos que se xeran nos fogares. Esta campaña terá dúas partes, por un lado distribuiranse carteis e manuais de compostaxe, que se colocarán nos puntos de información máis representativos do concello. Por outro lado convocaranse cinco actos de promoción e sensibilización ambiental nos que a poboación do seu termo municipal, poderá coñecer o Proxecto de Compostaxe Doméstica e os beneficios ambientais que supón a valorización dos residuos orgánicos que se xeran nas casas.

Ademais, a poboación será convocada polo concello a un acto de divulgación do proxecto, nos que se exporá, explicará e concienciará aos asistentes sobre os beneficios ambientais que supón a valoración dos residuos orgánicos que se xeran nas súas casas a través do proceso de compostaxe doméstica.

Recursos materiais para a execución do proxecto

Para as distintas fases do proxecto compre unha serie de medios materiais, parte dos cales serán facilitados por SOGAMA.

Para celebrar os actos de sensibilización ambiental e formación dos participantes poranse a disposición do proxecto os Centros de Convivencia Municipais, dotados cos medios audiovisuais necesarios para os relatorios que se levarán a cabo, é dicir proxector, ordenador portátil, pantalla de proxección.

A tódolos participantes no programa se lles fará entrega dun manual explicativo sobre a técnica da compostaxe que inclúe, que materiais e residuos podemos utilizar para a xeración deste abono natural.

Os composteiros son unha partida fundamental para a execución deste proxecto, polo que se disporá de cen composteiros.