Español | Galego | English
Contacto
Fotografía de la fachada del Centro de Convivencia Uxío Novoneyra
*Nueva ubicación
Centro de Convivencia "Uxío Novoneyra"
Calle Quiroga Ballesteros, nº 1 - 3ª planta
www.lugo.es/prevenciondrogas
ICon
Presentación de la Consejera
IAlc
Presentación del Alcalde
Chamanos
  • Publicidad: un enfoque crítico
  • Cumbre CICAD Lugo 2010
  • Controla Club
  • Pensa por ti, elixe por ti
  • Alcohol: no podemos seguir mirando a otro lado
  • Congreso Hablemos de Drogas
  • Proyecto Drojnet 2

| Prevención |

> Sumario

 

> O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias

> Os nosos niveis de actuación preventiva

> O noso modelo de prevención céntrase nos duais modelos psicosocial e sociocultural

> Algunha medidas para traballar a prevención

 

> O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias

O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, do Concello de Lugo, comezou a funcionar no ano 1989, aínda que o equipo actual haino dende o ano 2003. Este servizo depende do Comisionado do Plan de Galicia sobre drogodependencias (pertencente á Consellería de Sanidade)da Xunta de Galicia e do Excmo. Concello de Lugo, segundo un convenio de cofinanciamento firmado dende o ano 1989.

O ámbito de actuación deste servizo comprende o que é Lugo capital, impulsando diferentes liñas de actuación dentro da área de traballo, que neste caso é a prevención, nos seus diferentes niveis. Os seus ámbitos son os seguintes:

Dende o ano 1986, no que se creara o Plan autonómico sobre drogodependencias, tense estruturado unha serie de recursos e servizos que ofrecen unha resposta global e coordinada ao problema das drogodependencias. Con este obxectivo, fóronse poñendo en marcha numerosos programas preventivos nos distintos ámbitos, entre eles os programados e deseñados no Servizo de Prevención do noso Concello.

Oficina.jpg

Na actualidade, Galicia conta co 245 programas de prevención, nos que traballan 81 profesionais. Do total de programas de prevención, o 38’7% realízanse no ámbito prevención escolar, 21% familiar, 18’5% dos mozos, 15’6% de formación e información, o 2’9% laboral, e o 3’3% os realizados no contexto dos PLANS COMUNITARIOS.

Seguindo co ámbito da prevención, o plan prevé tamén a intensificación dos programas de información formación dirixidos á mocidade galega sobre os riscos asociados ao consumo de drogas, aproximando a información aos contextos de lecer onde adoita producirse o consumo.

Outras das medidas en materia de prevención que se recollen son, por unha banda, o reforzamento dos programas de información formación dirixidos a familias, co fin de contribuír a potenciar o papel das nais e dos pais galegos na prevención do uso de drogas e, por outra, á intensificación dos traballos preventivos con adolescentes e mozos en situación de especial risco, mediante a posta en marcha de diferentes programas de carácter selectivo (programa de prevención escolar: NON PASA NADA, PASA ALGO?; PROGRAMA DE PREVENCIÓNFAMILIAR. Todos xuntos axudámonos; e Programa de prevención xuvenil do consumo de alcohol e outras substancias en espazos urbanos públicos.

 

O fenómeno do consumo das drogas variou nos últimos anos, incorpóranse novas substancias, aumenta o consumo de substancias legais, diminúe a idade de inicio na súa utilización, e chéganse a vivir problemas a idades temperás.

Todo isto fai que se resalte a prevención como unha ferramenta fundamental coa que se pensa en evitar ou atrasar o abuso das drogas. Os seus obxectivos máis importantes son:

  • EDUCAR aos individuos para que sexan capaces de manter relacións responsables coas drogas.
  • ATRASAR A IDADE DE INICIO DE CONSUMO.
  • MODIFICAR AQUELAS CONDICIÓNS DO CONTORNO SOCIOCULTURAL QUE FAVOREZAN A APRENDIZAXE DO COMPORTAMENTO DO USO DE DROGAS.
  • INTERVIR NAS CAUSAS DO MALESTAR INDIVIDUAL, BEN MODIFICANDO AQUILO QUE O PRODUCE OU BEN AXUDANDO AO SUXEITO A SUPERALO.
  • OFERTAR ALTERNATIVAS DE VIDA SAUDABLES.

Para levar a cabo con éxito calquera programa de prevención convén ter en conta, entre outras, as seguintes consideracións:

  • O uso de drogas varía entre individuos, xeracións, subculturas e sociedades. Existen diferenzas nas propias substancias,nas formas de consumo, nas motivacións e expectativas, etc.
  • Non se dá unha relación simple causa efecto; esta vén determinada polo propio individuo (o seu esquema de valores, crenzas, grao de madurez..) a súa familia, grupo de iguais, escola, cultura, relixión, medios de comunicación, etc.
  • Todo comportamento prodúcese nun contexto sociocultural concreto dentro do que cobra sentido. Así, o significado que unha determinada sociedade outorga á utilización de drogas será máis importante á hora de valorar o problema que o seu propio consumo.
 

> Os nosos niveis de actuación preventiva

Pódense distinguir tres niveis de prevención en función da relación que o suxeito consumidor establece coa substancia, a saber:

  • PRIMARIA: Son propostas de actuación localizadas antes de que a persoa teña contacto ningún coa droga.

    Obxectivo: Protección da saúde co fin de evitar ou demorar a aparición dun problema relacionado co consumo de drogas.

    As estratexias utilizadas dende esta perspectiva baséanse especialmente en actividades de promoción xeral, sen prescindir en determinadas casos dunha intervención específica en drogas.

  • SECUNDARIA: Estas actuacións diríxense a colectivos onde xa se detectou algunha situación relacionada co uso de drogas.

    Obxectivo:intentar que non se orixinen adiccións ou consumos problemáticos, polo que a prevención específica resulta moito máis conveniente.

    É importante diferenciar a poboación á que o programa preventivo se dirixe: podería resultar contrapreventivo levar a cabo unha actuación de prevención secundaria con grupos que nunca contactaron coas drogas, e ineficaz dirixirnos con actividades de nivel primario a aquelas persoas que xa experimentaron con elas.

  • TERCIARIA:Alude ao tratamento e á rehabilitación daqueles individuos nos que se instaurou un uso problemático de drogas.

    Obxectivo: Mitigar as consecuencias adversas asociadas ao consumo e impedir un agravamento do problema.

 

> O noso modelo de prevención céntrase nos duais modelos psicosocial e sociocultural

  • MODELO PSICOSOCIAL

    Susténtase no recoñecemento da complexidade de cada individuo e do peso que teñen os factores psicolóxicos e ambientais sobre as súas decisións. A drogodependencia é unha forma máis de comportamento humano que se debe analizar segundo os principios que rexen a conduta.

    Destaca: O ser humano coas súas necesidades psicolóxicas e sociais, relegándose a un segundo plano a substancia que, por si mesma, non xustificaría a xénese do problema.

    Persegue:

    • Ofrecer alternativas positivas ao consumo de drogas co fin de reducir a demanda destas.
    • Tratar ao drogodependente como unha persoa con dificultades de adaptación, maduración ou desenvolvemento.
    • Dar cabida aos programas xerais de prevención inespecífica e de educación para a saúde destinados a frear tanto a magnitude dos problemas adictivos como a de calquera outra conduta desadaptativa.
    • Puír os programas preventivos: dende esta formulación, o recurso ao medo ó castigo carecen de utilidade. A formación e información convértense en importantes estratexias encamiñadas a favorecer a toma de decisións razoadas e saudables con respecto ao uso de drogas.

  • O MODELO SOCIOCULTURAL

    Susténtase no seguinte enfoque: "unha verdadeira política preventiva non pode facer abstracción da estrutura socioeconómica dentro da cal viven e se desenvolven os consumidores de drogas, nin deixa de considerar o aspecto propiamente cultural do uso de certas drogas por parte de certos grupos. As desigualdades, a falta de oportunidades para grandes sectores da poboación, a marxinación e o desemprego, a organización do traballo e a ideoloxía dominante son concibidos como tanto factores causantes da aparición masiva da farmaco-dependencia nalgunhas sociedades. O contorno cultural determina, á súa vez, os tipos de drogas e as formas de consumo". (Massün,E.,1991)

    Destaca: A complexidade e a variabilidade do contexto máis alá dos efectos da droga e do propio individuo.

    Persegue:

    • Mellorar as condicións de vida e crear un ambiente no que as necesidades que se cobren mediante o consumo de drogas pódense satisfacer por medio de condutas menos prexudiciais.
    • Implicar a sociedade no seu conxunto, sobre todo, os sistemas educativo e sociosanitario, para que diminúa a aceptabilidade social das drogas e varíen os valores que están mantendo a súa utilización.
 

> Algunhas medidas para traballar a prevención


  1. REDUCIÓN DE OFERTA DE DROGAS LEGAIS
    • Control de consumo zonas de fumadores.
    • Establecer límites(control alcoholemia e outras drogas).
    • Prohibicións e limitacións (non publicidade de drogas).

  2. REDUCIÓN DE OFERTA DE DROGAS ILEGAIS
    • Loita contra o narcotráfico.

  3. REDUCIÓN DA DEMANDA DE DROGAS
    • Programas formativos e informativos.
    • Vixilancia epidemiolóxica.
    • Promover a utilización saudable do tempo libre.

MEDIDAS SOCIAIS PARA A PREVENCIÓN

  • Destacar o valor da saúde e dos hábitos que axudan a preservala.
  • Reducir a publicidade e venda de drogas legais.
  • Promover alternativas saudables para o uso e goce do tempo libre.
  • Atrasar, dentro do posible, a idade de contacto co mundo das drogas.
  • Achegar á sociedade información verídica e adecuada sobre o consumo de drogas e as súas consecuencias.
  • Incidir sobre os principais factores de risco persoais, familiares e sociais que determinan o abuso de drogas nos individuos.

A EDUCACIÓN PREVENTIVA EN DROGODEPENDENCIAS

  • Valoración da saúde como un ben fundamental.
  • Desenvolvemento da autoestima.
  • Resistencia á presión de grupo.
  • Capacitación para tomar decisións razoadas.
  • Información veraz sobre os efectos das drogas e o fenómeno da drogodependencia.
pnsd.msc.es Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad Lugo.es Sergas.es
Centro de Convivencia "Uxío Novoneyra" R/ Quiroga Ballesteros, nº 1 - 3 planta 27002 LUGO
Tel: 982 297 498 Horario de atención: lunes a viernes y 08:30 a 14:30 h