Na sociedade actual, a globalización e a forte especialización fomentan no mercado laboral unha alta competitividade e constantes variacións nas tendencias do traballo. Fronte a esta situación, a figura do orientador laboral ofrece solucións personalizadas aos traballadores e traballadoras e ás persoas demandantes de emprego co fin de axudarlles a mellorar as súas capacidades e adaptar os perfís profesionais ás necesidades do mercado laboral, para situar a cada persoa no ámbito profesional máis idóneo segundo as súas características (formación, habilidades, expectativas laborais…) e a súa contorna socioeconómica.
O servizo de orientación laboral que ofrece o Concello de Lugo no Espazo Lab presta unha atención personalizada a todas aquelas persoas que participan nos distintos programas de inserción sociolaboral que desenvolve este servizo.
Os usuarios e usuarias reciben unha atención individualizada que trata de adaptarse as súas necesidades e lles serve para organizar dun xeito racional a busca de emprego e a seleccionar as actividades necesarias para mellorar os seus coñecementos e as súas habilidades.
Para iso, o equipo do Espazo Lab realiza titorías individualizadas para coñecer en profundidade a situación da persoa para establecer conxuntamente as liñas estratéxicas que deberá seguir para que a súa inserción sexa o máis efectiva posible. En función de cada perfil, analízase o curriculum vitae, elabóranse cartas de presentación, realízanse prácticas de entrevistas de selección, etc., para que as persoas demandantes coñezan e dominen os instrumentos e as estratexias máis efectivas para realizar unha busca de emprego de forma activa, organizada e planificada.
Outra función fundamental dos orientadores/as municipais é a mediación entre as empresas e as persoas demandantes de emprego.
Para máis información diríxete a:
Espazo Lab
Avda. A Coruña, 500
(Antigo Cuartel de Garabolos)
Tfno.: 982 297 361
espazolab@concellodelugo.org