Logotipo
Inicio > Novas > O CEI-Nodus difunde a cultura emprendedora en...

O CEI-Nodus difunde a cultura emprendedora entre os estudantes de secundaria

17/04/2019

Un grupo de alumnos do IES Ánxel Fole participa nun seminario de difusión de creación de empresas

Visita Anxel Fole

O CEI-Nodus continúa coas actividades de difusión da cultura emprendedora entre os estudantes de secundaria da cidade de Lugo e este xoves, 26 de marzo, acolleu un novo seminario de Difusión da Creación de Empresas “Transformando as ideas en empresas”. Esta acción formativa, que foi impartida por un técnico de BIC Galicia, contou coa participación dun grupo de 20 estudantes do IES Ánxel Fole de idades comprendidas entre 15 e 18 anos.

O seminario ten unha duración aproximada de tres horas durante as cales o técnico especialista achega aos estudantes os mecanismos para pór en marcha as ideas empresariais. A acción formativa segue unha metodoloxía interactiva que promove a participación dos mozos e baséase nos usos do Banco de Proxectos Empresariais de BIC Galicia - IGAPE, que conta cunha base de preto de 200 experiencias de emprendedores galegos.

A charla foi completada coa testemuña Laura Aldiarz Muinelo, unha das artífices da empresa Tecgal, que lles achegou a súa experiencia como emprendedora e respondeu a cantas dúbidas lle plantexaron os estudantes.

O obxectivo da sesión foi achegar aos asistentes á realidade do mundo da empresa, valorizar a figura do empresario e analizar o proceso que media entre a motivación, a xeración dunha idea e a súa conversión en empresa, destacando a importancia de elaborar un plan de viabilidade e dando a coñecer as ferramentas e axudas que teñen á súa disposición os emprendedores galegos.

A xornada completouse cunha visita guiada polas instalacións do CEI-Nodus e do Espazo-Lab. Ao longo do percorrido os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os servizos que ofrece o Concello de Lugo en materia de orientación laboral, actividades formativas e asesoramento para emprendedores. Un dos recursos que máis atención despertou entre os estudantes foi a Oficina de Información Europea e a posibilidade de realizar prácticas profesionais a través do Programa LugoQualitas.

Con este tipo de iniciativas a Concellería de Economía e Emprego busca achegar á mocidade lucense as ferramentas para atopar emprego ou para desenvolver as súas ideas empresariais e, ademas, contribuir a que, cando rematen a súa etapa formativa, estean ben preparados e accedan ao mercado laboral cunha vagaxe extra de coñecementos sobre a realidade do mundo do traballo que os faga máis competitivos e capaces de potenciar as súas mellores armas formativas e persoais.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
Centro de empresas e innovacion