Logotipo
Inicio > News > Axudas para as Iniciativas de Emprego de Base...

Axudas para as Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT's)

30/03/2011

Orde do 18 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebt), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2011

Obxecto

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora e para aproveitar o potencial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresarais innovadores, así como apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.

Entidades beneficiarias

Empresas privadas, incluídos autónomos, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), ou, de ser o caso, no que se estableza na resolución de cualificación, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

Axudas e Subvencións

1. Axuda á creación directa de emprego estable

Subvenciona os postos de traballo estables de carácter indefinido que sexan ocupados por desempregados inscritos como tales no Servizo Público de Emprego, incluídos os dos propios promotores e promotoras.

Cando o posto de traballo estable o ocupe un traballador desempregado, o incentivo será de 4.000 euros, esta contía incrementarase ata unha contía de 5.000 euros cando o posto de traballo sexa ocupado por unha traballadora desempregada.

Cando as contratacións se realicen con mozos menores de 30 anos os incentivos serán de ata 5.000 euros se son mozos desempregados e 5.600 euros se son mozas desempregadas.

Cando o posto de traballo se ocupe por un desempregado con título universitario o incentivo será de ata 6.000 euros, e de tratarse dunha muller con titulación universitaria de ata 6.600 euros.

Cando as persoas desempregadas posúan o título de doutor ou doutora a contía da axuda será de 7.000 euros.

Serán subvencionables os postos de traballo estables de carácter indefinido creados antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade, sendo subvencionables as contratacións realizadas entre o 1/07/2010 e o 30/09/2011.

2. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación

Permite a contratación de persoal técnico de alta cualificación para suplir as carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.

A subvención será equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, segundo a duración do contrato, cun máximo de 12 mensualidades. Esta subvención terá como límite máximo por todas as contratacións a contía de 18.000 euros.

Serán subvencionables as contratacións realizadas antes de transcorrer un ano desde a data de inicio de actividade, sendo subvencionables as contratacións realizadas entre o 1/07/2010 e 30/09/2011.

3. Apoio á función xerencial

Para o acompañamento na instalación da empresa, poderán ser obxecto de apoio as funcións xerenciais para axudar á persoa promotora ou empresaria na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa. O dito apoio poderá revestir as modalidades de titoría, formación e realización externa de estudos e informes sobre a actividade.

Subvención equivalente ao 75% do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

4. Subvención financeira de redución dos xuros dos préstamos necesarios dirixidos a financiar os investimentos que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como IEBTS. Como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

A subvención será de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia destes. Terá como límite a contía de 6.300 euros por emprego estable creado para persoas desempregadas durante o primeiro ano desde o inicio da actividade.

5. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade

Esta axuda consistirá nunha subvención para o financiamento dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade.

Serán subvencionables, a través desta axuda, os gastos de constitución, os gastos pola compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, de maquinaria e de equipos informáticos; os gastos do seguro do local, de publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados para os colectivos de beneficiarios previstos, de acordo coa seguinte escala:

- De 1 a 2 postos de traballo: ata 24.000 euros.
- De 3 a 10 postos de traballo: ata 36.000 euros.
- De 11 a 20 postos de traballo: ata 48.000 euros.
- 21 ou máis postos de traballo: ata 60.000 euros.

En ningún caso o importe desta axuda poderá superar a contía de 12.000 euros por posto de traballo estable creado para os colectivos beneficiarios.

Para os efectos desta axuda, só se terán en conta os empregos subvencionables creados durante o primeiro ano de actividade.

Prazo de solicitudes

Para o ano 2011, o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2011.

O contido integro da resolución aqui


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
Centro de empresas e innovacion