Logotipo
Inicio > Noticias > Xornada de presentación do proxecto "Muralla ...

Xornada de presentación do proxecto "Muralla Dixital"

30/11/2011

  • O Alcalde e a Concelleira de Economía interviron no acto no que os representantes das cinco cidades expuxeron os seus obxectivos para o proxecto que financia a Unión Europea
  • O Concello de Lugo disporá de 636.500 euros que empregará na dixitalización do patrimonio cultural e na formación de 30 desempregados

Presentacion Muralla Dixital

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, foi o encargado de abrir hoxe a presentación do proxecto Muralla Dixital, que se celebrou no CEI coincidindo coa celebración do undécimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial pola UNESCO, feito ó que fixo referencia López Orozco na súa intervención quen dixo que “hoxe é un día especial para Lugo porque conmemoramos unha declaración que nos encheu de ledicia, que aumentou a nosa autoestima e o coñecemento da nosa Muralla”.

O Alcalde tamén destacou que o proxecto Muralla dixital “é un proxecto europeo que Lugo aproveitará para poñer en valor a Muralla e o noso patrimonio e que nos axudará a dar a coñecer as nosas potenciaclidades como cidade turística”. Indicou ademais que “o turismo é unha fonte de ingresos económicos e tamén unha oportunidade de colaboración entre homes e mulleres de distintos lugares” e sinalou a importancia tanto da cooperación neste proxecto de cidades de dúas rexións europeas como da experiencia que pode aportar unha cidade como Santiago que soubo coidar o seu patrimonio monumental.

Na apertura da xornada, o Alcalde estivo acompañado polo Deputado provincial de Economía do Coñecemento, Emprendemento e Innovación, José Ramón Val, e o Vicesecretario da Subdelegación do Goberno, Luis Torres. Trala inauguración da xornada, á que asistiron estudantes de Humanidades, arqueólogos, historiadores, avogados, empresas de novas tecnoloxías e expertos en turismo, apagáronse as velas dunha tarta de cumpreanos adicada á Muralla que fixeron expresamente para o acto as firmas Don León, Dona Vaniri e Uvepan.

Presentación do proxecto

A presentación do proxecto Muralla Dixital, que financia a Unión Europea a través dos fondos FEDER, correu a cargo de representantes das cinco cidades de Galicia e Portugal que son socias neste programa que lidera Lugo e no que participan Santiago de Compostela, Melgaço, Monçao e Valença do Minho, e colaboran o Cluster Ineo e a entidade portuguesa Azurem. Na clausura do acto interviu o Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura de Lugo, Antón Bao.

O proxecto que levará a cabo o Concello de Lugo foi presentado pola Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez. En representación do Concello de Santiago de Compostela participaron no acto o Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura e Educación, Angel Currás Fernández, e o arqueólogo Xesús Amado Reino. A cidade de Melgaço estivo representada polo Vicepresidente da Cámara Municipal, Manoel Batista Calçada Pombal, e a chefe de Divisao de Cultura e Comunicaçao, Angelina María Esteves. En representación da Cámara Municipal de Monçao interviu a chefe de gabinete, Conceiçao Soares, e a Cámara Municipal de Valença do Minho estivo representada polo técnico municipal Fernando Barros.

Pode descargar as presentacións utilizadas na xornada na sección de proxectos europeos da nosa web :


Presentacion Muralla Dixital Presentacion Muralla Dixital

Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
Centro de empresas e innovacion