Logotipo
Inicio > Novas > Unha tarxeta electró...

Unha tarxeta electrónica facilitará aos traballadores cualificados exercer a súa profesión nun país da UE distinto do seu

18/01/2012

Un dos retos aos que se enfronta a UE, e que vai ser cada vez máis importante, é a demanda de traballadores ben preparados e dispostos a trasladarse alá onde estea o traballo. Iso será posible soamente se as titulacións se recoñecen por igual en toda a UE dunha forma sinxela, rápida e fiable. A Comisión Europea vai resolver ese problema mediante unha tarxeta profesional electrónica, que permitirá un recoñecemento máis doado e rápido das cualificaciones.

Imaxen asociada a nova Coa tarxeta electrónica os profesionais acudirán a unha xanela única en lugar de peregrinar dun organismo público a outro para conseguir que se recoñeza a súa titulación noutro país. Deste xeito, simplificaranse os trámites e poderase resolver moito papelame a través de Internet.

Ademais, os Estados membros deberán revisar o alcance das súas profesións reguladas e abordar outras cuestións que xorden coa mobilidade, como as competencias lingüísticas ou a falta de alertas eficaces en materia de neglixencia profesional, sobre todo, no sector sanitario.

Menos tempo, menos papelame, maior eficacia

Trátase de modernizar a directiva de 2005 para que a UE se converta nun verdadeiro e efectivo mercado único de traballo que permita aos profesionais establecerse onde verdadeiramente sexan máis necesarios. Prevese que a demanda de persoal altamente cualificado aumente en máis de 16 millóns de empregos na Unión Europea de aquí a 2020. É fundamental establecer agora as bases.

A tarxeta profesional europea é a principal ferramenta

É, en esencia, un certificado electrónico que se intercambiarán as autoridades a través do Sistema de Información do Mercado Interior (IMI) para abaratar custos e xestións. O sistema permitirá que os profesionais se poñan en contacto coas autoridades competentes do seu país e estas, por medio do IMI, contactarán co Estado de acollida. Os profesionais poderán obter o recoñecemento dos seus títulos en seis semanas en lugar das 12 actuais, se o recoñecemento é automático, e de dez en lugar de 12, noutros casos. Non só acúrtanse os prazos, tamén os custos. Unha vez obtida a tarxeta poderase utilizar durante dous anos sen máis requisitos administrativos. A maioría dos documentos poderanse presentar no idioma orixinal.

A tarxeta irase introducindo a medida que as diferentes profesións a demanden (por exemplo, as enfermeiras e os guías de montaña expresaron un grande interese polo uso deste tipo de tarxetas).

A reforma inclúe a modernización dos requisitos mínimos de formación comúns na UE

A proposta introduce algúns cambios nos requisitos para as profesións que se benefician dun recoñecemento automático.

Para os médicos, a proposta aclara que a educación médica básica debe ser de 5.500 horas de formación, que se pode cursar nun mínimo de cinco anos. Introduce a posibilidade de que os Estados membros concedan exencións parciais aos médicos especialistas dispostos a seguir un segundo ciclo.

Para as enfermeiras e as parteiras, o prazo de tempo de educación xeral debe ser de 10 a 12 anos e non obriga aos Estados membros a introducir a formación universitaria.

Os Estados membros teñen unhas obrigas que cumprir respecto aos seus titulados no campo da saúde. Deberán informar as autoridades competentes dos demais países acerca dun profesional ao que se lle prohibise, aínda que sexa temporalmente, o exercicio da actividade profesional. Refírese a médicos, enfermeiras, matronas, dentistas, farmacéuticos e veterinarios. Para outros profesionais hai outros mecanismos complementarios.

Para os arquitectos, a proposta establece unha capacitación de 6 anos, consistentes nunha formación universitaria dun mínimo de catro anos, seguida dunhas prácticas dun mínimo de dous anos ou cinco anos de universidade máis un ano de prácticas.

No caso dos idiomas, só se revisarán os coñecementos do profesional despois de recoñecida a súa cualificación profesional. No caso de profesións nas que sexa importante o idioma para a seguridade das persoas, como as relacionadas coa saúde, o exame do idioma poderao realizar o sistema nacional de saúde ou as organizacións de pacientes, sobre todo no caso de profesionais por conta propia.

Texto completo da directiva da Comisión Europea onde pode encontrar máis información sobre a tarxeta profesional europea (páxina 8)

Páxina web do comisario de Mercado Interior e Servizos, Michel Barnier

Recoñecemento das cualificaciones profesionais



Cooperación
Concello de Lugo