23/01/2012
Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2012
Obxecto:
Promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores ou traballadoras autónomos/as ou por conta propia, así como apoiar a consolidación dos seus proxectos empresariais mediante o fomento da contratación indefinida.
Serán subvencionables as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que cumprindo os requisitos e condicións establecidas na mesma, se formalicen desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012, ambos inclusive.
Persoas beneficiarias:
1.- As persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, sempre que:
- Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, ou ben formen parte de sociedades civís ou comunidades de bens sempre que as soliciten a título persoal.
- Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
- Non percibisen subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
- Non desenvolvesen como traballadores/as autónomos/as a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estiveran de alta como traballadores/as autónomos/as en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos 3 meses inmediatamente anteriores.
Os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarios/as das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís sempre que as soliciten a título persoal. Quedan excluídos do mesmo, os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
2.- As persoas beneficiarias da subvención pola primeira contratación indefinida serán os traballadores ou traballadoras autónomos/as ou profesionais, que realicen esta contratación durante o primeiro ano de actividade, para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Tipos de axuda
- Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia, co fin de facilitar durante o inicio da actividade uns ingresos mínimos, sempre que se acredite un investimento en inmobilizado material ou intanxible por importe non inferior a 3.000 euros (sen incluír o IVE) realizado entre os 3 meses anteriores ao inicio da actividade e os 6 posteriores.
As contías desta subvención serán as seguintes:
- 5.000 euros para desempregados en xeral.
- 6.000 euros para mozos desempregados de 30 ou menos anos.
- 7.000 euros para mulleres desempregadas.
- 7.500 euros para emigrantes retornados/as, traballadores ou traballadoras procedentes de empresas en crise, persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego.
- 8.000 euros para desempregados con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
- 10.000 euros para mulleres desempregadas con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social.
No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do investimento mínimo realizado por cada socio/a solicitante terase en conta a súa participación na mesma.
- Subvención financeira de redución de xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como traballador/a autónomo/a, tendo en conta que, como mínimo, o 75% do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible. Deberá acreditarse un investimento en inmobilizado material ou intanxible por importe non inferior a 3.000 euros (sen incluír o IVE) realizado entre os 3 meses anteriores ao inicio da actividade e os 6 posteriores.
Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Traballo e Benestar. (Ver nota informativa sobre a subvención financeira).
Esta subvención será como máximo de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo. O importe desta subvención deberá destinarse á amortización do principal do préstamo.
O importe máximo desta subvención non poderá superar as seguintes contías:
- 5.000 euros para desempregados en xeral.
- 6.000 euros para mozos desempregados de 30 ou menos anos.
- 7.000 euros para mulleres desempregadas.
- 7.500 euros para emigrantes retornados/as, traballadores ou traballadoras procedentes de empresas en crise, persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego.
- 8.000 euros para desempregados con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
- 10.000 euros para mulleres desempregadas con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social.
No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do investimento mínimo realizado por cada socio/a solicitante terase en conta a súa participación na mesma.
No caso de microcréditos concedidos polo Instituto de Crédito Oficial ou por outras entidades de crédito a persoas desempregadas incluídas nas letras D,E e F anteriores, a subvención poderá ser o custo total dos gastos financeiros, cos límites máximos sinalados anteriormente.Subvención para asistencia técnica co obxecto de financiar os custos dos servizos externos necesarios para mellorar o desenvolvemento da actividade empresarial, así como para a realización de estudos de viabilidade, organización, comercialización, diagnose ou outro de natureza análoga, prestados polas persoas ou entidades que reúnan os requisitos indicados na orde, e que se desenvolvan integramente entre os 3 meses anteriores, pero non antes do 1 de outubro de 2011, e os 6 posteriores ao inicio da actividade. A contía desta axuda será do 75% do custo dos servizos prestados, ata un máximo de 1.000 euros.
- Subvención para formación co obxecto de financiar os custos de cursos, realizados polas persoas ou entidades que reúnan os requisitos mencionados na orde, relacionados coa dirección e xestión empresarial e novas tecnoloxías da información e comunicación, integramente desenvoltos entre os 3 meses anteriores, pero non antes do 1 de outubro de 2011, e os 6 meses posteriores ao inicio da actividade. A contía desta axuda será do 75% do custo dos cursos recibidos, ata un máximo de 3.000 euros.
- Axuda excepcional para o financiamento dos primeiros gastos da actividade realizados nos 3 meses anteriores, pero non antes do 1 de outubro de 2011, e nos 6 meses seguintes ao inicio da actividade en concepto de compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, gastos de constitución, publicidade, arrendamento de local, de maquinaria e de equipos informáticos e seguros do local (excluído o IVE). A contía da axuda será de 2.000 euros, 3.000 euros e 3.600 euros, segundo o colectivo dos sinalados no artigo 8º da orde no que se atope incluída a persoa beneficiaria.
- Subvención pola primeira contratación indefinida. Poderá concederse esta subvención tanto pola contratación indefinida inicial dunha persoa desempregada como pola transformación dun contrato temporal en indefinido, sempre que se realice durante o primeiro ano de actividade empresarial ou profesional. A contratación ou transformación deberá realizarse entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012.
O importe desta subvención será o seguinte:
- 4.000 euros pola contratación indefinida dun desempregado en xeral.
- 5.000 euros pola contratación indefinida dun mozo desempregado de 30 ou menos anos.
- 5.000 euros pola contratación indefinida dunha muller desempregada.
- 5.600 euros pola contratación indefinida dunha moza desempregada de 30 ou menos anos.
- 6.000 euros pola contratación indefinida dunha persoa desempregada que esgotase a prestación por desemprego, unha persoa desempregada de longa duración, unha persoa desempregada emigrante retornada, unha persoa desempregada con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
- 2.000 euros pola transformación dun contrato temporal en indefinido. Esta contía será de 2.500 euros se o traballador ten 30 ou menos anos e de 3.000 euros se é muller.
A subvención non poderá superar a contía equivalente ao 60% dos custos salariais totais de dúas anualidades da persoa contratada.
No caso de que a contratación sexa a tempo parcial a subvención calcularase proporcionalmente.
Procedemento de concesión:
As subvencións se concederán unha vez sexa comprobado o cumprimento dos requirimentos e condicións establecidas na orde de convocatoria ata o esgotamento do crédito.
Prazo de solicitudes:
• O prazo xeral para a presentación de solicitudes das distintas axudas deste programa será de un mes desde a data da solicitude de alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional. En todo caso, este prazo finalizará o 30 de setembro de 2012, aínda que non transcorreran un mes desde a dita alta (art. 11º.2).
• As actuacións subvencionables do programa para a promoción do emprego autónomo, realizadas entre o 1 de outubro do ano 2011 e a data de publicación da orde, poderán acollerse ás axudas da mesma, aínda que transcorrese o prazo establecido dende a alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional. O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 30 de marzo de 2012.
Compartir: