Logotipo
Inicio > Novas > Orientación e asesor...

Orientación e asesoría para encontrar traballo

04/05/2012

Recuperar o emprego é o obxectivo prioritario da UE. A Comisión Europea, ademais de poñer en marcha as súas propias iniciativas, axuda noutros proxectos que facilitan a busca dun posto de traballo. É o caso do Club do Emprego, un proxecto europeo ao que se incorporou España para asesorar e orientar sobre o mercado laboral a través da rede.

Imaxen asociada a nova O Club do Emprego forma parte da rede WBS (Web Based Job Search Support) que xa funciona tamén en Italia, República Checa, Eslovenia, Polonia e Bulgaria. O proxecto está cofinanciado pola CE, dentro do Programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente, e baséase en utilizar Internet para crear unha comunidade virtual que beneficie a orientación ou o desenvolvemento profesional e a busca de emprego.

Os diferentes países socios traballan xuntos neste proxecto co fin de elaborar, probar e implementar unha metodoloxía dentro de WBS para realizar servizos de orientación online. Cada país ten a súa propia versión do portal que ofrece exercicios de autocoñecemento, foros e mesmo a oportunidade de crear un blog ou realizar preguntas o orientador profesional que facilita a web.

Definir obxectivos e planificar estratexias

O representante en España é o Instituto DEP e o seu responsable de proxectos, Rachel Nelson, resúmenos o obxectivo: "O portal «O club do emprego» céntrase na orientación e preparación para a busca de emprego. Ofrece ao usuario exercicios de autocoñecemento e un espazo para conectar con outras persoas nunha situación similar".

España é o país coa taxa de paro máis alta dentro da UE, un 24,1%, segundo os últimos datos de Eurostat, mentres a media dos 27 Estados membros está no 10,2% e na eurozona, no 10,9%. Rachel Nelson opina que Internet é un factor clave para incentivar o mercado laboral: "Pensamos que estas iniciativas son moi importantes no contexto de crise. Cremos que os exercicios de autodiagnóstico e autocoñecemento, realizados en conxunto cunha comunidade e co apoio dun orientador profesional, son un bo xeito de ofrecer orientación e axuda na busca de emprego a través da rede. "

A maior parte dos seus usuarios son mulleres e o rango de idade dos que participan vai dos 20 aos 50 anos. O Club do Emprego personaliza os aspectos a considerar á hora de buscar un obxectivo profesional, como optimizar as competencias, preparar un plan de acción para a aprendizaxe, as ferramentas máis eficaces na busca de emprego ou as fórmulas para que o demandante de emprego chegue ás ofertas e aos empresarios. "A moderación da web conta co apoio de orientadores experimentados para responder ás preguntas dos usuarios", dinos Rachel Nelson.

Unha comunidade na rede

O Club do Emprego funcionará pronto como unha oficina de colocación, como xa acontece nos outros países que participan no proxecto. Agora non ten ofertas de traballo, pero si un amplo abano de posibilidades para facilitar a inmersión no mercado laboral. A maior parte dos elementos do portal permiten aos usuarios intercambiar e compartir comentarios ou recibir «retroacción» doutros usuarios ou do orientador profesional que facilita o portal. Para nós é unha calidade fundamental e enriquecedora".

"Os foros están pensados para que os usuarios poidan compartir as súas experiencias con outros usuarios e resolver as súas dúbidas coa axuda do orientador profesional. Ademais, o usuario pode crear o seu propio blog dentro da páxina. Tanto os foros coma os blogs son ferramentas de reflexión e tamén de promoción. "

Club do emprego
Web based job search support (en español)
Portal de emprego da UE



Cooperación
Concello de Lugo