Logotipo
Inicio > Novas > O Concello ofrecerá ...

O Concello ofrecerá prácticas no estranxeiro a trinta mozos nunha nova edición do programa Lugoquálitas financiado con case 124.000 euros de fondos europeos e municipais

18/07/2013

 A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, anunciou que o Concello levará a cabo unha nova fase do proxecto Lugoquálitas con financiamento da UE.

Lugoquálitas 3 terá un presuposto total de 123.600 euros e del beneficiaranse trinta mozos lucenses que poderán facer prácticas profesionais no estranxeiro, concretamente en Alemaña, Italia e Irlanda do Norte.

Imaxen asociada a nova  A Unión Europea concedeulle ó Concello de Lugo unha achega de 95.600 euros para este fin e a administración local financiará os 28.000 euros restantes, segundo se acordou na Xunta de Goberno Local.


O Goberno local aprobou o proxecto Lugoquálitas 3 e a súa execución dende o 1 de setembro de 2013 ata o 31 de maio de 2015, así como a sinatura de todos os documentos preceptivos para a aceptación e tramitación da subvención do proxecto e aceptar a subvención de 95.649,90 € outorgada polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos.

O Concello adquire o compromiso de dotar no Orzamento Xeral do ano 2014 a cantidade de 28.000 euros, con cargo ás partidas da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, para a cofinanciación do proxecto.

O proxecto “Formación europea para a cualificación da mocidade lucense. Lugoquálitas 3”, promovido polo Concello de Lugo, contempla a organización de prácticas profesionais no estranxeiro para a mocidade lucense que se atope no mercado laboral ou en condicións de acceder a el, co obxectivo de mellorar as súas expectativas de traballo nun contexto cultural diferente ó propio. 

O número previsto de participantes é de trinta mozos e mozas titulados universitarios ou en formación profesional. As prácticas realízanse en Alemaña, Italia e Irlanda do Norte. Para a execución deste proxecto o Concello de Lugo conta como socios intermediarios con tres entidades (Academia Europea de Firenze, RSM Tenon e Arbeit und Leben) de ampla experiencia no desenvolvemento de proxectos de mobilidade e en organización de prácticas profesionais con contactos en empresas de distintos sectores, como TIC, medio ambiente, automatización, turismo, restauración, etc., que serán as encargadas da xestión da loxística, titorización e apoio ós mozos participantes nas prácticas.



Cooperación
Concello de Lugo