Logotipo
Inicio > Novas > O Alcalde visita o obradoiro de emprego Vrbs ...

O Alcalde visita o obradoiro de emprego Vrbs Lvcvs que dá formación nas máis modernas técnicas de dixitalización a 24 mozos

18/01/2014

Xa están dixitalizados monumentos como a fonte de San Vicente e documentos dos séculos XVIII e XIX que fan referencia a edificios públicos como o Cuartel de San Fernando.
O plano máis antigo dixitalizado ata o momento é da Praza Maior e a Casa Consistorial e está datado no ano 1759.
Tamén están inventariados 1.680 expedientes de obras particulares do século XIX.

null

Este obradoiro de emprego desenvólvese durante seis meses, ata finais do mes de abril, e supón a continuidade nos labores de dixitalización que xa se fixeron no obradoiro Muralla Dixital

O Alcalde, José López Orozco, acompañado polas Concelleiras de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e de Educación, Formación e Orientación laboral, Esther Muñoz, visitaron ó obradoiro de emprego Vrbs Lvcvs, que se desenvolve en instalacións do CEI-Nodus.

O Alcalde destacou que “con este obradoiro de emprego colaboramos naquelo que máis necesita nestes momentos a sociedade que é a formación para atopar un emprego”.

López Orozco explicou que o obradoiro Vrbs Lvcvs conta coa participación de 24 alumnos traballadores que estaban en situación de desemprego e durante os seis meses nos que participan neste obradoiro perciben un salario.

Tamén destacou o Alcalde que os alumnos/traballadores aprenden, neste tempo, as últimas técnicas de dixitalización e tratamento de imaxes o que lles permite adquirir formación nun campo que ofrece futuro laboral e o Concello logra ter dixitalizada boa parte da súa documentación.

O obradoiro de emprego Vrbs Lvcvs dispón dun presuposto de 213.000 euros e foi  promovido polo Concello coa subvención da Consellería de Traballo e dá continuidade ós traballos de dixitalización realizados con anterioridade tamén polo Concello, a través do obradoiro Muralla Dixital, que financia a Unión Europea.

Este obradoiro comezou o 30 de outubro e rematará a finais de abril e nel impártense tres especialidades que teñen o obxectivo último de poñer en valor unha parte do rico patrimonio cultural do Concello de Lugo e garantir tanto a súa preservación como o feito de que resulte accesible tanto a investigadores como ós cidadáns que poidan necesitar da consulta dos datos e información que conservan os arquivos municipais.

O plano máis antigo que xa foi dixitalizado é da Praza Maior e a Casa Consistorial e remóntase ó ano 1759.

Formación en tres especialidades

A especialidade de xestión de documentos ten como obxectivo xeral formar a profesionais nas novas técnicas e métodos de xestión de documentos nas organizacións consistentes na aplicación das novas tecnoloxías.

Actuación a desenvolver no marco do proxecto aprobado:

Realizouse a revisión e inventario do fondo de obras e urbanismo do século XIX para seleccionar aquelas obras e proxectos que fosen importantes para explicar o desenvolvemento e a configuración da cidade, ben porque mostren un crecemento da mesma ou porque mostren a evolución de lugares emblemáticos da cidade (praza maior, santo domingo, rúa san marcos, etc.); ou ben porque fagan referencia a edificacións moi significativas (casa consistorial, praza de abastos; círculo das artes; seminario; etc.)

Traballos desenvoltos hasta a data:

-Revisión e inventario dos expedientes de obras particulares do fondo documental do Concello de Lugo do século XIX. É un fondo dunha gran riqueza patrimonial e valor histórico xa que nos axuda a comprender e a ilustrar o desenvolvemento urbano e arquitectónico da cidade.
Inventariáronse un total de 1680 expedientes.
   
-Catalogación da planimetría histórica contida neses expedientes.

-Descrición e inserción dos metadatos nos ficheiros dixitais co obxectivo de garantir a súa consulta por parte dos usuarios.

A especialidade de técnico en dixitalización de documentos ten como obxectivo principal coñecer as pautas que deben acometerse nun proxecto de dixitalización de documentos, así como as directrices que regulan a obtención, control, conservación e posta a disposición das imaxes dixitais xeradas a partir de documentos orixinais

Traballos desenvoltos hasta a data:

-Dixitalización da serie documental obras municipais dos séculos XVIII e XIX que fan referencia a edificacións de carácter público: Cuartel de San Fernando, Casa Consistorial, Praza de Abastos, Hospital de Santa María, etc.

Nestes momentos estanse a dixitalizar os expedientes de licenzas de obra maior do século XIX centrándose especialmente nas edificacións existentes no Casco histórico co obxectivo de completar o traballo desenvolvido no proxecto Muralla Dixital. O volume total de arquivos dixitais supera nestes momentos as 7.300 imaxes.

A realización deste traballo permitirá, por unha banda, mellorar o acceso e difusión a esta documentación para diversos fins como poden ser investigación, difusión cultural, procura de antecedentes para iniciar novos trámites administrativos, etc; e, por outra banda, contribuír á preservación e conservación desta documentación ó poder acceder a información en soporte dixital evitando o deterioro dos orixinais.

A especialidade de técnico en dixitalización 3D do patrimonio cultural ten como obxectivo xeral formar a profesionais nas novas técnicas de rexistro e dixitalización 3D do patrimonio cultural.

Actuacións a desenvolver:

-Dixitalización 3D de bens mobles do patrimonio histórico e arqueolóxico da cidade de Lugo: selección e dixitalización 3D de pezas arqueolóxicas depositadas na cidade de Lugo

-Dixitalización 3D de bens inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico da cidade de Lugo: dixitalización 3D de elementos conservados nos diferentes lugares visitables da cidade de Lugo.

O traballo a realizar permitirá conservar réplicas dixitais dos bens elixidos para a elaboración dun repositorio de modelos tridimensionais dos mesmos.

Traballos realizados hasta a data:

Esta especialidade formativa centrouse na dixitalización 3D de bens inmobles do patrimonio arquitectónico.

Procedeuse á restitución fotogramétrica dos seguintes bens:

•    Fonte de San Vicente da praza do Campo.
•    Estatua de Ánxel Fole da praza de Anxo Fernández Gómez.
•    Porta Miñá.
•    Porta de Santiago.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
Centro de empresas e innovacion