Inicio > Novas > O Parlamento Europeo...


O Parlamento Europeo disponse a reducir a burocracia para axilizar a libre circulaciĆ³n de persoas e empresas

31/01/2014

Aínda que a libre circulación de persoas e empresas sexa un dos dereitos fundamentais na Unión Europea, non sempre é doado gozala. E malia que non existan requisitos para establecer a autenticidade dos nosos pasaportes, si os hai no caso doutros documentos públicos como as partidas de nacemento e de matrimonio. Para facilitar a liberdade de circulación e reducir a burocracia, os eurodeputados votan o martes 4 de febreiro un novo regulamento.

Imaxen asociada a nova Para facilitar vivir, traballar e estudar no estranxeiro, o futuro regulamento eliminará algúns dos trámites existentes que, con frecuencia, son caras e requiren moito tempo. Cando a futura lexislación entre en vigor, será máis doado, por exemplo, o recoñecemento das partidas de nacemento, inscribir unha casa ou unha empresa no rexistro, casarse ou solicitar un permiso de residencia.

As novas normas inclúen unha exención de legalización e apostila; a aceptación de copias non certificadas e traducións non xuradas; a creación de formularios normalizados para eliminar a necesidade de traducións; e mellorar a cooperación administrativa entre os Estados mediante o uso do Sistema de Información do Mercado Interior, que permite comprobar a autenticidade dos documentos.

Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente proposta abarca, entre outros, os documentos públicos expedidos polas autoridades dos Estados membros con valor probatorio formal en relación co nacemento, a defunción, o nome, o matrimonio, a unión rexistrada, a filiación, a adopción, a residencia, a cidadanía, a nacionalidade, a propiedade inmobiliaria, as personalidade xurídica e a representación de sociedades ou empresas, os dereitos de propiedade intelectual e a ausencia de antecedentes penais.

Este cambio é importante con respecto á situación actual, na que os cidadáns e as empresas da UE teñen que, en xeral, demostrar a autenticidade dos seus documentos e utilizar copias certificadas e traducións xuradas que, enriba, só son válidas no país de residencia do tradutor.

O relator deste regulamento é o eurodeputado socialdemócrata alemán Bernhard Rapkay, cuxo informe foi votado na comisión parlamentaria de Asuntos Xurídicos o 17 de decembro de 2013.



Concello de Lugo