Inicio > Novas > O Parlamento Europeo...


O Parlamento Europeo aproba 3.500 millóns en axudas aos máis desfavorecidos ata 2020

28/02/2014

A Eurocámara deu luz verde este martes á extensión do fondo europeo de axuda para os máis necesitados ata 2020. Os eurodeputados conseguiron manter o presuposto inicial de 3.500 millóns de euros, ao tempo que lograron o compromiso do Consello para que os fondos estean operativos de forma inmediata. O acordo permitirá axudar as organizacións de beneficencia na distribución de alimentos, roupa e outros bens de primeira necesidade.

Imaxen asociada a nova "Alcanzamos os nosos obxectivos clave nas negociacións coa Comisión e os Estados membros: aumentar o presuposto dende os 2.500 aos 3.500 millóns de euros para fortalecer o papel das organizacións de loita contra a pobreza no deseño, a execución e o seguimento do programa e simplificar os trámites administrativos. O novo programa é a primeira iniciativa europea que trata de chegar ás persoas que sofren pobreza extrema en todos os Estados membros", dixo a relatora Emer Costello (S&D, Irlanda). O texto foi aprobado con 592 votos a favor, 61 en contra e 31 abstencións.

Non aos recortes

Grazas ao Parlamento, manterase o presuposto de 3.500 millóns de euros para o período 2014-2020, a mesma cantidade que se asignou ao Programa europeo de axuda alimentaria para os máis necesitados no período 2007-2013. Os Estados membros formularon nun principio un recorte de 1.000 millóns de euros.

Maior alcance

O novo programa cubrirá a todos os países da UE e substituirá o programa europeo de axuda alimentaria. O alcance do novo fondo amplíase para incluír dous programas para a distribución de comida e outros bens de primeira necesidade, como roupa e material escolar, así como para financiar medidas de inclusión social para as persoas máis pobres da UE.

O fondo tamén apoiará as doazóns de comida e, en particular, a súa recollida, transporte e distribución, para contribuír á redución do desperdicio de comida.

Cofinanciamento

O texto inclúe a proposta do Parlamento de fixar unha taxa de cofinanciamento europeo do 85 por cento. No caso dos países máis afectados pola crise, poderá incrementarse ata o 95 por cento. Esta taxa é a porción de gasto que paga a UE e o resto deberán asumilo os países.

Próximos pasos

O Consello aínda ten que aprobar formalmente o texto, aínda que se aplicarán medidas transitorias para evitar a interrupción da subministración de axuda para os máis desfavorecidos.

Contexto

En 2011, preto dun cuarto dos europeos (ao redor de 120 millóns) estaban en risco de pobreza ou exclusión social, catro millóns máis que o ano anterior. O Parlamento Europeo loitou en 2011 por prolongar o programa de axuda alimentaria, mentres que algúns Estados querían retiralo para aforrar diñeiro.



Concello de Lugo