Inicio > Novas > A UE mellora a innov...


A UE mellora a innovación, aínda que persisten os desequilibrios

07/03/2014

Europa vaise poñendo á altura dos EE. UU. e Xapón en innovación, pero debe superar importantes diferenzas entre países, segundo un informe da UE.

Imaxen asociada a nova Cada ano o "Marcador da Unión pola Innovación" mide os avances dos países da UE baseándose en 25 criterios que abranguen:

•    as condicións previas para a innovación:
-    financiamento
-    educación
-    publicacións científicas

•    esforzo innovador que realizan as empresas:
-    niveis de investimento
-    solicitudes de patentes

•    a medida en que a innovación beneficia á economía.

O informe deste ano mostra que Europa está a reducir distancias cos EUA e Xapón, e aínda vai por diante de Australia, Canadá e as principais economías emerxentes.

Non obstante, segue habendo importantes diferenzas de resultados entre os países da UE e disparidades rexionais dentro de cada país.

En conxunto, a mellora da innovación viuse impulsada por un aumento tanto das solicitudes de marcas de ámbito europeo ("marcas comunitarias"), coma de estudantes de doutorado procedentes de fóra da UE. Non obstante, a baixada do investimento de capital risco freou esta evolución positiva.

Diferenzas a escala europea

Dentro da UE, seguen manténdose á cabeza os países que invisten máis en investigación e innovación: Suecia, Dinamarca, Alemaña e Finlandia. Estes países obteñen bos resultados en todos os criterios. España sitúase no grupo dos "innovadores moderados", xa que os seus resultados están por debaixo da media da UE.

Portugal, Estonia e Letonia rexistran os maiores avances nos dous anos anteriores. Non obstante, este último país obtén -xunto con Bulgaria e Romanía- unha cualificación "moi inferior" á media da UE.

O informe pretende contribuír a que os países da UE detecten os seus puntos fortes e débiles, co fin de concentrarse nos aspectos que requiren maior esforzo.

Desequilibrios rexionais

Poucos países alcanzaron niveis de rendemento homoxéneos en todo o seu territorio. En realidade, as diferenzas entre rexións acrecentáronse nos últimos dous anos.

Non obstante, grazas aos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos, as rexións contarán a partir de agora con máis de 100.000 millóns de euros para desenvolver a investigación e a innovación.

A innovación é o motor da economía

A innovación é esencial para lograr unha Europa máis competitiva e impulsar o crecemento económico.

Por iso, a UE desexa aumentar o investimento en innovación para situala no 3% do PIB en 2020.

Contribuirá a aumentar o peso da industria manufactureira no PIB ata o obxectivo do 20%.

Comunicado de prensa - Unha Europa máis innovadora con diferenzas rexionais aínda elevadas

Preguntas frecuentes - Resultados da innovación: comparación entre Estados membros da UE

Marcador da Unión pola Innovación

Marcador rexional da innovación

Traballar máis para impulsar a innovación



Concello de Lugo