Inicio > Novas > Cara a un verdadeiro...


Cara a un verdadeiro espazo europeo de xustiza: Reforzar a confianza, a mobilidade e o crecemento

14/03/2014

A Comisión Europea esbozou a súa visión da futura política da Unión Europea en materia de xustiza. Catro anos despois da entrada en vigor do Tratado de Lisboa, a construción dun espazo europeo de xustiza avanzou a pasos axigantados.

A Comisión utilizou a lexislación no ámbito da xustiza para reducir a burocracia e os custos para os cidadáns e as empresas, impulsar a recuperación económica e facilitar a vida dos cidadáns que exercen o seu dereito á libre circulación. O obxectivo da Comisión para o futuro é seguir avanzando cara ao funcionamento pleno dun espazo europeo común de xustiza baseado na confianza, a mobilidade e o crecemento de aquí a 2020.

«No espazo duns poucos anos, a política de xustiza pasou a ocupar un lugar de privilexio na actividade da Unión Europea, comparable ao impulso dado ao mercado único na década dos 90. Aínda que se avanzou moito, aínda queda moito por facer para desenvolver un verdadeiro espazo europeo de xustiza» declarou o vicepresidente Viviane Reding, comisaria de Xustiza da UE. «Tender pontes entre os diferentes sistemas xudiciais supón xerar un clima de confianza. Un verdadeiro espazo europeo de xustiza só pode funcionar de forma óptima se existe confianza recíproca nos distintos sistemas xudiciais. Así mesmo debemos centrarnos noutros dous retos: a mobilidade dos cidadáns e as empresas da UE nun espazo sen fronteiras e a contribución da política de xustiza da UE ao crecemento e a creación de emprego en Europa».

O período final de 2014 será un momento clave no desenvolvemento da política de xustiza da UE: o Programa de Estocolmo do Consello Europeo, previsto para un período de cinco anos, e o Plan de Acción da Comisión (IP/10/447) polo que se establecen as prioridades para o espazo de Liberdade, Seguridade e Xustiza, chegarán a termo o 1 de decembro de 2014. Outro tanto sucederá coa fase transitoria establecida no Tratado de Lisboa para o ámbito da xustiza. Iso eliminará as limitacións que existen actualmente sobre o control xurisdicional por parte do Tribunal Europeo de Xustiza e a función da Comisión como gardiá do Tratado no ámbito da cooperación policial e xudicial en materia penal, o que implica que estará facultada para iniciar procedementos de infracción en caso de que a lexislación da UE - previamente acordada por unanimidade polos Estados membros - non se aplicase correctamente.

Hoxe publicouse a visión da Comisión sobre o futuro da política de xustiza da UE, xunto coa súa axenda futura no ámbito dos asuntos de interior (véxase IP/14/234). Ambas as dúas axendas futuras adoptan a forma dunha comunicación. No ámbito da xustiza, a Comisión sinala tres retos principais: reforzar a confianza recíproca, facilitar a mobilidade e contribuír ao crecemento económico.

1. Confianza. A confianza recíproca é a base sobre a que debe asentarse a política de Xustiza da UE. Determinados instrumentos da UE, como a orde de detención europea ou as normas sobre conflito de leis entre os Estados membros, requiren un alto grao de confianza recíproca entre as autoridades xudiciais dos distintos Estados membros. Aínda que a UE sentou unhas bases sólidas para fomentar a confianza recíproca, debe reforzarse aínda máis para garantir que os cidadáns, os profesionais do Dereito e os xuíces confíen plenamente nas resolucións xudiciais con independencia de cal sexa o Estado membro no que fosen adoptadas.

2. Mobilidade. Crece de día en día o número de europeos que exerce o seu dereito á libre circulación: cada vez é máis frecuente que viaxen, estuden, casen, formen unha familia, compren e vendan produtos máis alá das súas fronteiras nacionais en Europa. Na actualidade existen preto de 14 millóns de cidadáns da UE que residen nun Estado membro do que non son nacionais. Aínda que os cidadáns fan valer cada vez máis os seus dereitos, seguen enfrontándose a algunhas dificultades prácticas e xurídicas cando intentan exercer noutro Estado membro os dereitos de que gozan no seu. A Comisión enfróntase cada día a estes obstáculos: no seu último informe sobre a cidadanía da UE propuxo, por exemplo, doce iniciativas para reforzar os dereitos dos cidadáns (IP/13/410 e MEMO/13/409). Con carácter prioritario, a política de xustiza debe seguir eliminando os obstáculos con que se enfrontan os cidadáns da Unión á hora de exercer o seu dereito a circular libremente e vivir en calquera país da UE.

3. Crecemento. Ao longo dos últimos anos, puxéronse en marcha iniciativas no ámbito da xustiza co fin de apoiar as empresas, e contribuír ao crecemento e a estabilidade económica mediante a mellora do acceso á xustiza e facilitando a resolución de controversias. Velaquí algúns dos exemplos: garantir que unha resolución ditada nun Estado membro poida recoñecerse noutro sen necesidade de trámites burocráticos (IP/12/1321); propoñer unha Lei europea de compravenda pola que as empresas poidan optar á hora de operar nos 28 países da UE (MEMO/14/137); unha norma de protección de datos moderna para o mercado único dixital (MEMO/14/60) e avanzar cara a unha «cultura de salvamento e recuperación» en materia de insolvencia transfronteiriza (IP/12/1354). No futuro, a política de xustiza da UE debe seguir fomentando a recuperación económica, o crecemento e a loita contra o desemprego. Necesítanse reformas estruturais para garantir que os sistemas xudiciais poidan ofrecer unha xustiza rápida, fiable e digna de confianza. As empresas teñen que ter a certeza de que estarán en condicións de executar contratos e litigar con eficacia en toda a UE, sen ter que salvar os obstáculos aos que se enfrontan aínda hoxe en día.

Para abordar estes retos, a Comisión propón basear a futura política da UE en materia de xustiza nunha combinación de diferentes iniciativas: consolidar o xa logrado, codificar o Dereito e a práctica da UE cando sexa necesario e complementar, cando proceda, o marco vixente con novas medidas. Co obxecto de optar pola mellor formulación en cada ámbito, será preciso analizar cada caso concreto e levar a cabo avaliacións de impacto.

. Por exemplo, a consolidación é necesaria para garantir a existencia de vías de recurso e das autoridades nacionais responsables da execución co fin de que os dereitos se fagan realidade na práctica, formar xuíces e profesionais do Dereito para que se convertan en verdadeiros «xuíces do Dereito da Unión», e mellorar o uso da tecnoloxía da información nos procedementos xudiciais e extraxudiciais.

. Podería considerarse a codificación da lexislación vixente da UE e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza Europeo no ámbito das normas de consumo ou dos dereitos procesuais dos sospeitosos de delitos -racionalizando o marco existente e facendo que os cidadáns e as empresas poidan gozar deles con maior facilidade.

. Complementar as políticas de xustiza e os instrumentos legais existentes debe realizarse sempre coa vista posta en reforzar a confianza recíproca, facilitar a vida dos cidadáns e contribuír en maior medida ao crecemento. Entre os enfoques polos que se ha de optar pódese incluír o recoñecemento mutuo, a harmonización tradicional e o Dereito substantivo ou procesual opcional harmonizado, por exemplo.

Próximos pasos

O Parlamento Europeo e o Consello xa celebraron conversacións sobre o futuro das políticas de xustiza da UE. O Colexio de Comisarios celebrou un debate de orientación o 25 de febreiro. A Comunicación da Comisión adoptada hoxe servirá de base para novos debates e, en particular, no seo do Consello Europeo que se celebrará o 24 de xuño.

Contexto

A política de xustiza da UE experimentou cambios profundos nos últimos anos. A carteira de Xustiza non se creou ata 2010, ao comezo do mandato da actual Comisión. Dende entón, a Comisión presentou máis de 50 iniciativas neste ámbito, o que supuxo aplicar máis do 95% do Programa de Estocolmo e sentou os alicerces dun verdadeiro espazo de Liberdade, Xustiza e Seguridade ao servizo dos cidadáns europeos - un dos obxectivos esenciais da UE recollidos no Tratado de Lisboa.

Tomáronse medidas importantes en tan só uns poucos anos: Os novos dereitos da UE para as vítimas de delitos (IP/12/1200), o reforzo dos dereitos a un xuízo xusto para os sospeitosos en procedementos penais (IP/12/575, IP/13/995, IP/13/921) e un maior recoñecemento de sentenzas (IP/12/1321) melloraron o acceso á xustiza, ao tempo que as propostas da Comisión relativas á protección dos datos persoais darán, sen dúbida, unha lombeirada aos dereitos fundamentais e ao mercado único dixital (MEMO/14/60). A Comisión tamén iniciou a creación dunha Fiscalía Europea co fin de velar por que cada euro do presuposto da UE poida ser empregado para os seus fins e quede protexido de posibles delincuentes (MEMO/14/124). Por outra parte, iniciativas como os Indicadores da Xustiza da UE (IP/13/285) puxeron de relevo o importantes que son para o crecemento económico os sistemas e políticas de xustiza.

En novembro pasado, a Comisión Europea organizou a conferencia «Assises de la Justice» (IP/13/1117), punto de encontro para xuíces, avogados, profesores universitarios, responsables políticos e representantes do mundo empresarial procedentes de toda Europa, co fin de debater sobre o futuro das políticas neste ámbito. En xaneiro de 2014, organizouse unha conferencia similar para debater sobre as futuras políticas da UE en materia de asuntos de interior.



Concello de Lugo