Logotipo
Inicio > Novas > Oferta renovada de t...

Oferta renovada de titulacións. Adaptadas ao espazo europeo de educación superior (EEES). Facultade de Humanidades Campus de Lugo

23/04/2014

 Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural

Grao en Lingua e Literatura Españolas
Máster en Servizos Culturais

Imaxen asociada a nova  Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural


Este novo grao nace co dobre obxectivo de:

(a) manter e consolidar as competencias e puntos fortes dunha titulación de carácter interdisciplinar nunha posición estratéxica dentro do campus de Lugo e con características que definen a súa singularidade dentro das titulacións do SUG;

(b) ofrecer unha proposta formativa innovadora que posibilite unha maior e mellor inserción laboral aos futuros egresados, dotándoos de novas e mellores destrezas e habilidades conducentes a unha maior capacidade de competencia profesional no ámbito da produción, xestión e difusión cultural, crecente e prometedor sector dentro do campo da “industria da cultura” e que garante unha plena coherencia co actual programa oficial de Posgrao (Máster en Servizos Culturais) que tamén se imparte na Facultade de Humanidades.

c) ofrecer a modalidade semipresencial como alternativa á presencial para aqueles estudantes e profesionais que necesiten compaxinar os seus estudos cunha vida laboral.

Os estudos de Grao en Ciencias da cultura e difusión cultural diríxense non só ao estudantado con vocación polas Letras que desexa unha formación interdisciplinar como base para afrontar un amplo e variado abano de saídas profesionais nos eidos da cultura, senón tamén a aqueles estudantes e profesionais que, interesados no mundo da difusión cultural como opción formativa e profesional, buscan un perfil específico dentro deste campo que implique a consolidación dunha firme base cultural. Os futuros graduados obterán unha axeitada preparación, cunhas primeiras competencias que incluirán a formación básica nunha lingua estranxeira e a familiarización cos cambiantes recursos proporcionados polas novas tecnoloxías, para posuíren competencias específicas de acordo con distintos perfís profesionais:

Docencia en ensinanzas superiores ou medias.
Produción e xestión cultural en institucións públicas e privadas.
Asesoría e xestión cultural, lingüística e artística no sector editorial.
Produción e difusión de eventos e contidos culturais (editoriais, internet, cinema, teatro, ficción audiovisual, multimedia).
Xestión de bens e servizos culturais
Cooperación intercultural.

Grao en Lingua e Literatura Españolas

Trátase da evolución e adaptación ao Espacio Europeo de Educación Superior da Licenciatura en Filoloxía Hispánica. Ten pois todas as vantaxes formativas e saídas laborais do título anterior, ás que engade:

Unha estrutura flexible que ofrece a posibilidade de complementar o Maior en español co recoñecemento no Suplemento Europeo ao Título (SET) de estudos de Minor en Estudos Ingleses
O Módulo de Formación Básica (MFB) é común a todos os graos filolóxicos da USC e o Módulo Complementario (MCompl) e o Módulo optativo (MOpt) están confeccionados con materias dos outros graos, ou comúns a varios. Isto favorece que o estudante poida continuar a súa formación ata completar as materias que lle permitan acadar algún dos outros títulos de Grao filolóxicos da USC: Grao en Filoloxía Clásica, Grao en Lingua e Literatura Galegas, Grao en Lingua e Literatura Inglesas, Grao en Lingua e Literatura Modernas

O estudante deste grao pode acadar unha serie de competencias e coñecementos que o capacitarán para favorecer a súa integración na sociedade actual e nun mercado laboral que presta cada vez maior atención ao español como segunda lingua de comunicación no mundo, facendo valer o seu dominio de habilidades de enorme utilidade que son cada vez máis infrecuentes no resto dos titulados superiores:

A capacidade para a lectura crítica e comprensiva
A síntese de ideas e a abstracción conceptual
A creatividade e a inventiva na resolución de dificultades e imprevistos
A elaboración de documentos escritos eficaces
A competencia en varias linguas

Estas competencias adquiridas permitirán que o alumno poida aspirar a ocupar postos de traballo distintos aos tradicionalmente adscritos a titulacións como esta, aínda que estas seguirán a ser as principais saídas laborais:

Docencia en ensinanzas superiores ou medias
Ensino das linguas e culturas españolas e galegas á poboación non nativa
Tradución e crítica artístico-literaria
Asesoría e corrección lingüística en industrias culturais, editoriais e medios de comunicación
Aplicacións no campo da tecnoloxía e da informática (xestores de contidos dixitais, etc.)

Máster en Servizos Culturais
(9ª edición)

Os servizos culturais son un vasto campo de acción que integra todas aquelas actividades relacionadas coa produción e consumo cultural das sociedades modernas. Neles están implicadas áreas tan dispares, aínda que intimamente relacionadas, como a economía, a comunicación, a organización humana, a conservación da cultura e a súa transmisión, etc. Precisamente os estudos en Humanidades teñen na dedicación ás Ciencias da Cultura e no interese pola xestión de proxectos e actividades culturais do patrimonio unha das súas liñas de acción prioritaria. O obxectivo deste máster é formar especialistas de alto nivel na análise da cultura nun sentido amplo e aplicado, así como na xestión e programación de actividades e proxectos culturais especializados: exposicións, espectáculos audiovisuais, patrimonio, museos, galerías, e xeneralistas: xestores de institucións locais, fundacións, empresas culturais públicas e privadas. 

A quen vai dirixido?
Este máster está dirixido a titulados e tituladas universitarios interesados na formación para o desenvolvemento de labores de recuperación, tratamento, conservación e posta en valor de bens culturais de todo tipo, así como na análise dos procesos que nestes ámbitos poñen en marcha tanto institucións públicas como a iniciativa privada. O noso título está especialmente indicado para aquelas persoas que desexen adquirir unha formación específica na xestión e programación cultural e introducirse no mercado laboral a partir dunha capacitación teórico-práctica. Tamén os profesionais en activo que desexen mellorar a súa formación nalgún dos campos da xestión cultural poden atopar neste máster unha actualización daqueles coñecementos precisos para desenvolver a súa actividade profesional.

Ademais, o Máster en Servizos Culturais conta cunha liña investigadora que pretende achegar aos titulados e tituladas de letras a formación básica que os capacite para o acceso aos estudos superiores e para a realización dunha tese. Neste sentido, cabe destacar que a Facultade de Humanidades conta cun programa de doutoramento internacional e interuniversitario conxuntamente coa universidade francesa de Rennes-II denominado “Estudos culturais: memoria, identidade, territorio e linguaxe”, ao que os titulados do Máster en Servizos Culturais teñen acceso unha vez obtido o título.


· Oferta renovada titulaciones.pdf


Cooperación
Concello de Lugo