Logotipo
Inicio > Novas > Concello, Deputación...

Concello, Deputación e Fundación Laboral da Construcción volven colaborar nun curso para dar formación a parados

23/04/2014

 O Alcalde presidiu a entrega de diplomas ós alumnos que superaron o curso de pavimentador impartido ó abeiro do Plan Urban.

López Orozco destaca que o Concello de Lugo seguirá loitando contra o desemprego mentres non llo impida a Lei.

Imaxen asociada a nova  O Alcalde, José López Orozco, presidiu a entrega de diplomas ós alumnos que recibiron formación no curso de pavimentador organizado polo Plan Urban, que foi impartido pola Fundación Laboral da Construción. No acto tamén tomaron parte a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez; o Deputado provincial de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos; o Presidente e o Secretario da Fundación Laboral da Construción de Galicia, Antón Arias e Hipólito Trinidad, respectivamente. 


O Alcalde salientou que este curso, no que recibiron formación especializada persoas desempregadas e con importantes dificultades para o acceso ó mercado laboral, foi posible grazas á colaboración entre distintas institucións que sumaron os seus esforzos. Na iniciativa interviron, por unha parte o Plan Urban, no que colaboran a Unión Europea -que cofinancia o 80%-, o Concello de Lugo e a Deputación provincial, e, por outro lado, a Fundación Laboral da Construcción, que é a entidade máis capacitada para impartir este tipo de formación, tal e como suliñou o Alcalde.

López Orozco destacou a importancia que ten a reciclaxe profesional para facerlle fronte ó grave problema do paro e explicou que o Concello de Lugo, mentres llo permita a Lei, non deixará de poñer en marcha iniciativas coma ésta para loitar contra o desemprego e para prestar atención ás persoas que teñen dificultades no acceso ó mercado de traballo.

De feito, o Alcalde explicou que, dentro do labor que desenvolve a Administración local para axudar a atopar saídas laborais ás persoas desempregadas, o Concello aproveita os fondos do Plan Urban non só para facer obras ou dar axudas a empresas do Casco histórico senón, tamén, para ofrecer oportunidades de formación ós colectivos de persoas que sofren maiores dificultades para ter acceso ó mercado laboral. 

O Alcalde salientou que algúns dos alumnos que tiveron ocasión de aprender un oficio nos distintos cursos organizados polo Plan Urban, que xa organizou con anterioridade outros cursos de carpintería e canteiría, teñen a posibilidade de traballar en obras como as do Vello Cárcere ou nas que se levarán a cabo proximamente no Calexón do Hospital.

Pola súa parte, Antón Arias, no primeiro acto que participa desque accedeu á presidencia da Fundación Laboral da Construción, cargo no que sustituíu a Hipólito Trinidad, aproveitou para pedirlle ó concello que continúe con esta colaboración e destacou a importancia deste tipo de cursos que teñen un importante compoñente social porque están destinados a persoas con maiores problemas para a inserción laboral como mulleres, parados de máis de 45 anos e mozos que non concluíron os seus estudos. 

Ademais, Antón Arias pediu a todas as administracións públicas que traten de xerar actividade produtiva a través da construción, se ben recoñeceu que no Concello de Lugo existe a conciencia da importancia que ten este sector como motor da economía local. 

Formación a 13 desempregados

Neste curso participaron 13 alumnos/as, 2 mulleres e 11 homes, que recibiron formación dende o 13 de xaneiro ata o 9 de abril. 

Foi un curso, de 364 horas de duración, eminentemente práctico, no que os alumnos fixeron moitas prácticas cos pavimentos que se empregan no Casco histórico (granito e adoquíns de diversos tipos), e aprenderon a realizar todo o proceso para a colocación do pavimento, comezando pola preparación dos solos ata os acabados. 

Adicaron tres semanas a prácticas de execución de pavimentos en mosaicos, para o que prepararon eles mesmos pequenos mosaicos con teselas.

O curso completouse con 20 horas de prevención en riscos laborais e 2 horas de formación ambiental de aplicación directa ás tarefas que se desenvolveron durante o período de aprendizaxe.



Cooperación
Concello de Lugo