Inicio > Novas > Por unha enerxía ao ...


Por unha enerxía ao alcance de todos

31/05/2014

 Diversificación da subministración enerxética que chega dende o exterior, mellora da infraestrutura enerxética, realización do mercado interior da enerxía da UE e aforro enerxético son as principais premisas sobre as que se asenta a estratexia da Comisión que subliña a necesidade de coordinar as decisións nacionais en materia de política de enerxía e a importancia de falar cunha soa voz nas negociacións con socios externos.

Imaxen asociada a nova  De cara ao futuro


O aumento da seguridade da subministración foi un obxectivo primordial da política enerxética da UE dende hai anos. Dende a crise do gas nos invernos de 2006 e 2009, a Comisión fixo moito para fortalecer a seguridade enerxética da UE en termos de subministración de gas e para reducir o número de Estados membros que dependen dun provedor exclusivamente. Fixéronse progresos significativos cara á plena realización do mercado interior da enerxía. Puxéronse en marcha normas de uso da rede para evitar a conxestión nas infraestruturas transfronteirizas. Outro paso importante para garantir a continuidade do abastecemento en caso de interrupción foi a instalación de opcións de fluxo inverso que ofrecen a posibilidade de operar os gasodutos en ambas as dúas direccións.

En 2009, creouse o Programa Enerxético Europeo para a Recuperación con 2.4 mil millóns de euros para apoiar a construción de enlaces de infraestrutura. Ao redor de 1,4 mil millóns de euros asignáronse a proxectos de gas.

En 2010 entraron en vigor as novas normas para garantir a subministración de gas ininterrompido. Este Regulamento esixe que as empresas de gas natural aseguren a subministración aos clientes vulnerables, en especial familias cando as condicións adversas o requiran:

no caso dun pico de temperaturas baixas de sete días cunha probabilidade estatística dunha vez en 20 anos;
calquera período de polo menos 30 días dunha demanda excepcionalmente elevada de gas, que se produce cunha probabilidade estatística dunha vez en 20 anos;
por un período de polo menos 30 días en caso de que se produza a interrupción da infraestrutura de gas en condicións invernais medias.
Ademais, os Estados membros deben elaborar plans de prevención e emerxencia.

Que outras medidas se previron para reducir aínda máis a dependencia enerxética da UE?. A curto prazo:

Facer o próximo inverno un test de estrés do sistema enerxético da UE para identificar os riscos de interrupción de subministración e comprobar como se desenvolven os plans de emerxencia e crear mecanismos de respaldo. Realizaríase a nivel rexional ou da UE.

Posta en común de parte das reservas de seguridade de enerxía que existen na UE en virtude da capacidade común - por exemplo no marco do Organismo Internacional da Enerxía.

Poderíanse desenvolver os plans de seguridade de subministración a nivel rexional e da UE.

A longo prazo

A estratexia propón diversas accións en áreas clave:

1. A realización do mercado interior da enerxía e a construción dos enlaces de infraestrutura que faltan é esencial para responder rapidamente a posibles interrupcións de subministración.
2. Desenvolver o mercado interior da enerxía este ano.
3. Diversificación dos países provedores e rutas. Ampliando os vínculos coa conca do Caspio, ampliando aínda máis o corredor meridional de gas; desenvolver o Mediterráneo Gas Hub e aumentar as subministracións de GNL (gas natural licuado).
4. Fortalecemento dos mecanismos de emerxencia e solidariedade e protección das infraestruturas críticas. tanto na UE coma a nivel internacional respecto do gas natural e ao uso das instalacións de almacenamento de gas.
5. Mellorar a coordinación das políticas nacionais de enerxía e falar cunha soa voz na política enerxética exterior.
6. Moderación da demanda enerxética, especialmente nos edificios que son os responsables do 40% do noso consumo de enerxía e dun terzo do consumo de gas natural. Máis esforzos para aumentar a eficiencia enerxética nos vehículos e os produtos.
7. Desenvolvemento de tecnoloxías enerxéticas.
8. Aumento da produción de enerxía autóctona: enerxías renovables, uso seguro da enerxía nuclear, onde se elixa esta opción, e produción sostible de combustibles fósiles.

Por que se fala máis do gas que do petróleo ao referirse á seguridade enerxética?

Arredor do 90% das importacións de petróleo á UE chega por mar e iso permite unha gran flexibilidade para cambiar as fontes de subministración e as rutas se fose necesario. Ademais, a UE conta con reservas de petróleo de emerxencia para cubrir máis de 100 días de importacións netas.

No caso do gas, as rutas de transporte están determinadas pola rede de canalizacións, xa que só unha pequena fracción se transporta por mar. Varios Estados membros da UE dependen dun provedor principal, con limitadas ou nulas posibilidades de recibir subministracións alternativas. Este é o caso da rexión do Báltico e de varios países de Europa do Leste.

Dependencia da UE das importacións de enerxía

Na actualidade, a Unión paga máis de 1.000 millóns de euros cada día en importar enerxía. Significa case unha quinta parte da factura das importacións totais da UE.

34% da nosa enerxía provén do petróleo e os seus derivados: en cifras de 2013, impórtase un terzo de Rusia, 11% de Noruega, 8% de Arabia Saudí, en total 300.000 millóns de euros. A UE é o segundo maior consumidor de petróleo do mundo detrás dos EUA. A maior parte utilízase no transporte e a industria petroquímica.
23% provén do gas natural procedente: 39% de Rusia, 34% de Noruega, 14% de Alxeria, en total 85.000 millóns de euros. Seis Estados membros, Finlandia, Eslovaquia, Bulgaria, Estonia, Letonia e Lituania, dependen na súa totalidade de Rusia. O gas utilízase sobre todo para calefacción e para producir electricidade. Nos fogares e servizos emprégase o 40%, a industria representa arredor do 25% do consumo interior bruto.
17% de combustibles sólidos (carbón, litio e turba), en 2012 importouse: 26% de Rusia, 24% de Colombia, 23% EUA, en total 240 millóns de toneladas. A UE é a terceira consumidora detrás de China e EUA. Estes combustibles utilízanse sobre todo nas plantas de produción de electricidade e de calefacción urbana.
14% provén da enerxía renovable. Case a metade da enerxía hidroeléctrica, a cuarta parte do vento, o 19% da biomasa e os residuos e o 8% a partir da enerxía solar. O 24% da electricidade prodúcese a partir de enerxías renovables.
13% provén da enerxía nuclear. Proporciona o 27% da nosa electricidade, coa maioría das plantas en Francia, Reino Unido, Suecia, Alemaña, Bélxica e España. O 95% de uranio impórtase principalmente de Australia e Canadá.

Produción de enerxía na UE

A finais de 2012, as reservas probadas de petróleo eran só do 0,4% das reservas mundiais. Os maiores produtores son o Reino Unido (61% da produción da UE) e Dinamarca (14%).

As de gas natural ascenden ao 0,9%, un 34% do consumo.Países Baixos (43%) e Reino Unido (26%) son os maiores produtores de gas natural, seguidos de Alemaña (7%) e Romanía (6,5%).

En canto ao carbón, a UE ten o 6,5% das reservas mundiais que atenden a máis da metade da súa demanda. Os produtores máis importantes son Polonia (34%), Alemaña (28%) e a República Checa (12%).

Non se ten información completa sobre as reservas de gas de xisto xa que a exploración se encontra aínda nunha etapa temperá.

A produción de enerxía renovable creceu significativamente durante os últimos anos, representa o 22% da produción de enerxía primaria

Saber máis da estratexia enerxética da UE
Mercado único da electricidade e o gas
Infraestruturas gasísticas na UE
Dispoñibles os primeiros 750 millóns de euros para proxectos de infraestruturas enerxéticas




Concello de Lugo