Inicio > Novas > As comisións da Euro...


As comisións da Eurocámara: a sala de máquinas da política europea

06/06/2014

 Os eurodeputados dispóñense a entrar en funcións no novo Parlamento Europeo, e unha das primeiras cousas que farán é ver en que comisións parlamentarias estarán encadrados. Trátase dunha decisión crucial que determinará o terreo no que concentrarán o seu traballo. As comisións parlamentarias desempeñan un papel clave na actividade política: elaboran as posicións da Eurocámara en todo canto está incluído nas competencias desta.

Imaxen asociada a nova  Os eurodeputados dedican dúas semanas ao mes, de media, en reunións de comisións, nas que debaten informes lexislativos e non lexislativos, propoñen e votan emendas, e seguen as negociacións cos Gobernos nacionais. As comisións tamén organizan sesións con expertos, seguen o traballo das outras institucións e organismos da Unión Europea, e preparan informes de propia iniciativa que non teñen valor legal pero mostran a posición da Eurocámara sobre o asunto do que tratan.


Houbo 20 comisións permanentes na lexislatura parlamentaria que vai de 2009 a 2014. As súas competencias abrangueron dende o comercio internacional ata a protección dos consumidores, pasando pola igualdade de xénero. O Parlamento tamén pode crear comisións especiais como as tres que houbo durante a lexislatura que agora remata (unha sobre desafíos políticos, outra sobre a crise e a terceira sobre a delincuencia organizada); ademais de comisións de investigación para analizar infraccións do dereito comunitario.

O tamaño das comisións é moi variable, e a súa composición reflicte o peso que cada grupo político ten no conxunto da Eurocámara.

Cando unha comisión aborda un tema, designa un dos seus eurodeputados para elaborar o proxecto dun informe que estableza a posición do Parlamento. Os grupos políticos propoñen logo as súas emendas ao texto do informe elaborado polo eurodeputado designado, e intentan consensuar un texto final que logo será sometido ao pleno.



Concello de Lugo