Logotipo
Inicio > Novas > O Concello de Lugo a...

O Concello de Lugo aproba investir máis de 330.000 euros en formación para desempregados

31/07/2014

 Luis Álvarez anuncia que 233 parados de Lugo recibirán formación e unha bolsa coa posta en marcha do Obradoiro de emprego “Arqueo Lvcvs” e de 14 cursos de Lugo Emprego Activo 2.

Imaxen asociada a nova  O emprego foi o protagonista dos principais acordos adoptados este mércores pola Xunta de Goberno Local, segundo anunciou o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, xa que se aprobaron medidas que supoñen un investimento total por importe de máis de 330.000 euros para mellorar a formación de lucenses desempregados.


Álvarez deu conta de que o Goberno local aprobou hoxe a execución do Obradoiro de Emprego “Arqueo Lvcvs”, que suporá un investimento de 204.318 euros, e tamén se deu o visto e prace á licitación de 14 novas actividades formativas do programa Lugo Emprego Activo 2, cun presuposto total de 126.550 euros. 

A Xunta de Goberno local aprobou, fóra da orde do día, a execución do novo Obradoiro de Emprego, “Arqueo Lvcvs”, do que se beneficiarán 23 alumnos/as traballadores e que terá unha duración de seis meses.

Este Obradoiro de Emprego promóvese dende a Axencia de Emprego do Concello de Lugo en colaboración co Servizo Municipal de Arqueoloxía, subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar, para formar e insertar laboralmente a 23 desempregados. 

“Arqueo Lvcvs” ofrecerá tres especialidades: Xestión do Patrimonio Documental, Técnico en dixitalización de documentos e Técnico en dixitalización 3D do Patrimonio Histórico. 

Os traballos que realizarán os alumnos/as traballadores durante o período de formación consistirán na dixitalización e posta en valor de parte do patrimonio histórico de Lugo. 

O Voceiro do Goberno local tamén informou da licitación de 14 novas actividades formativas de Lugo Emprego Activo 2, que beneficiarán a 210 desempregados de Lugo. Concretamente, aprobáronse os pregos para contratar a docencia especializada, mediante 14 lotes, dentro deste proxecto de emprego que cofinancia nun 80% pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo e o 20% a cargo do Concello de Lugo.

O valor total estimado deste contrato de servizos ascende á cantidade de 126.550 euros, IVE incluído, correspondendo  a cada lote o seguinte orzamento:

Lote 1.- Monitor de turismo activo: 4.900 euros.
Lote 2.- Atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións: 11.100 euros.
Lote 3.- Monitor de ludotecas: 4.800 euros.
Lote 4.- Enquisador: 3.600 euros.
Lote 5.- Elaboración de produtos lácteos: 7.500 euros.
Lote 6.- Técnico en transporte sanitario: 8.700 euros.
Lote 7.- Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes: 11.700 euros.
Lote 8.- Atención socio-sanitaria a persoas no domicilio: 14.400 euros.
Lote 9.- Impresión dixital: 11.200 euros.
Lote 10.- Coidador/a de persoas dependentes e enfermas de alzheimer: 5.400 euros.
Lote 11.- Operacións básicas de cátering: 10.500 euros.
Lote 12.- Acabado de carpintería e moble: 20.500 euros.
Lote 13.- Operacións básicas de restaurante e bar: 5.250 euros.
Lote 14.- Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas: 7.000 euros.

As accións formativas realizaranse dende a data de formalización do contrato administrativo, con 5 horas/día en horario de mañá e/ou de tarde e a data de remate non excederá de marzo de 2015.

Luis Álvarez destacou ademais, que a contratación da docencia para o curso de Impresión dixital resérvase a Centros especiais de emprego. Os Centros Especiais de Emprego son empresas promovidas principalmente por asociacións de persoas con discapacidade e naceron en 1985 como fórmula para favorecer o acceso ó mercado laboral do colectivo de persoas con discapacidade.

Álvarez lembrou que “non é a primeira vez que o facemos, xa temos contratado outro curso cunha empresa de Cogami (Combina Social) e o Goberno de Lugo ten decidido seguir con esta importante liña de colaboración con entidades sociais” .



Cooperación
Concello de Lugo