Logotipo
Inicio > Novas > A Deputación ofrece formación gratuíta a 60 e...

A Deputación ofrece formación gratuíta a 60 emprendedores para a posta en marcha dos seus negocios

03/09/2014

-  Aberto o prazo de solicitude en http://www.deputacionlugo.gal/ e no 982-22-78-12 para os 3 novos obradoiros do II Campus de Emprendemento Sostible
- Están dirixidos a persoas que teñan avanzada a súa idea de negocio para traballar a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira dos seus proxectos
- Recibirán formación e farán visitas a empresas consolidadas. Rematado este proceso, terán titorías individuais nas que se lles prestará asesoramento personalizado para a posta en marcha dos seus negocios

null

A Deputación ofrece formación gratuíta a 60 emprendedores para a posta en marcha dos seus negocios nos 29 Concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Faino a través do II Campus de Emprendemento Sostible, o programa que aposta pola cultura emprendedora como saída laboral e que crea emprego no rural, combatendo o despoboamento demográfico. Froito da primeira edición, puxéronse en marcha en distintos Concellos da provincia as primeiras 7 empresas.

Aberto o prazo de solicitude en http://www.deputacionlugo.gal/ e no 982-22-78-12 para os 3 novos obradoiros gratuítos desta programación, con 20 prazas cada un. Baixo o nome “Campus de maduración da idea empresarial”, están dirixidos a persoas que teñan avanzada a súa idea de negocio. Inclúen formación e visitas a empresas consolidadas. Traballarase a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira dos seus proxectos. Finalizado este proceso, haberá titorías nas que se prestará asesoramento personalizado para continuar o traballo iniciado e poñer en marcha as ideas emprendedoras. 

As datas, horarios e lugares de celebración destes 3 novos obradoiros son as seguintes:

●    Os Ancares-Cervantes: 8-11 de setembro. De 16:00 horas a 20:00 horas.
●    Centro de Interpretación Terras do Miño: 15-18 de setembro. De 16:00 a 20:00 horas.
●    Centro de Interpretación Terras do Miño: 22-25 de setembro. De 10:00 a 14:00 horas.

35 novos emprendedores
O organismo provincial xa celebrou outros 3 obradoiros gratuítos co II Campus de Emprendemento Sostible. Foron os denominados “Motivación e xeración de ideas”, dirixidos a persoas que queren emprender e non saben como facelo. Foron 35 os participantes nestas accións formativas, que tiveron lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño da capital luguesa e no Concello de Cervantes, e que incluíron visitas a empresas consolidadas. Estes 35 novos emprendedores están agora a recibir asesoramento personalizado para a posta en marcha dos seus negocios.

Primeiras 7 empresas
O Campus de Emprendemento Sostible é a programación da Deputación que xera emprego no rural e combate o despoboamento demográfico, apostando pola cultura emprendedora. Deste plan resultaron, polo de agora, 7 novas empresas, que abriron as súas portas en distintos Concellos da provincia logo da celebración da súa primeira edición o ano pasado. Os seus sectores son os seguintes: agricultura ecolóxica, gandeiría ecolóxica, educación ambiental, turismo rural, ecoagroturismo e produción artesanal. Hai en marcha dende unha granxa de abellas, unha cantina e ata unha zoqueira. No I Campus, houbo 4 obradoiros en Terras do Miño e nos Ancares, nos que participaron 48 persoas. Na súa maioría, foron mozos de entre 26 e 35 anos, con estudos universitarios.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
Centro de empresas e innovacion