Inicio > Novas > Divorcios de parella...


Divorcios de parellas internacionais: novas regras para repartir o patrimonio

27/06/2016

O pleno apoiou as novas regras para determinar que xulgado debe decidir sobre os bens dunha parella internacional en caso de divorcio ou falecemento. Estas normas deben acabar cos procesos paralelos ?que custan ao redor de 1.100 millóns de euros anuais- en varios países da UE. Aplicaranse nos 18 Estados membros, entre eles España, que acordaron participar na iniciativa. 

Imaxen asociada a nova

 "Xa era hora de contar cun instrumento europeo para xestionar os réximes económicos de matrimonios e parellas de feito. A partir de agora os case 16 millóns de parellas internacionais que viven na UE contarán con seguridade xurídica, mellor acceso á xustiza e regras harmonizadas", sinalou o relator Jean-Marie Cavada (ALDE, Francia).

Trátase de dous regulamentos, un sobre réximes económicos dos matrimonios e outro sobre as consecuencias patrimoniais das unións de feito, que servirán para determinar que tribunal ten xurisdición e que lexislación ha de aplicarse en cada caso. Tamén facilitarán o recoñecemento e aplicación noutro país de sentenzas ditadas nun Estado membro sobre cuestións patrimoniais.

O texto sobre os matrimonios saíu adiante con 498 votos a favor, 58 en contra e 35 abstencións, e a norma sobre parellas de feito obtivo 490 votos favorables, 68 en contra e 34 abstencións.

A lexislación de familia continúa sendo competencia exclusiva das autoridades nacionais. Os regulamentos inclúen disposicións para garantir o respecto ao sistema legal de cada país. Por exemplo, non se obriga aos Estados membros que non recoñecen as unións de feito a facelo nin a asumir xurisdición respecto desas unións.



Concello de Lugo