Inicio > Novas > O Parlamento aproba ...


O Parlamento aproba o acordo UE-Perú de exención de visados

06/07/2016

O Parlamento apoiou o martes o acordo entre a UE e Perú de exención de visados que permitirá aos cidadáns peruanos viaxar a territorio da UE e aos cidadáns comunitarios visitar Perú sen necesidade de visado para estancias de até 90 días en períodos de 180 días. O pacto foi aprobado con 611 votos a favor, 59 contra e 21 abstencións.

Imaxen asociada a nova

O acordo foi rubricado en Bruxelas o 14 de marzo de 2016 en presenza do presidente peruano Ollanta Humala. Por parte europea asinaron o ministro holandés Bert Koenders, en representación da presidencia holandesa do Consello, e o comisario Dimitris Avramopoulos. A ministra peruana Ana María Sánchez de Ríos fíxoo en nome do seu Goberno. A exención de visados aplícase provisionalmente desde o 15 de marzo, pendente do visto e prace do PE.

O acordo beneficia a todos os posuidores dun pasaporte ordinario, diplomático, de servizo, oficial ou especial para calquera tipo de viaxe, agás se é para levar a cabo unha actividade remunerada. Para esa categoría, cada país da UE poderá decidir se esixe ou non visado aos cidadáns peruanos, en tanto que Perú poderá facer o mesmo para os cidadáns de cada Estado membro.

A responsable da tramitación parlamentaria do texto, Mariya Gabriel (EPP, BG), sinala no seu informe que a eliminación da esixencia de visado impulsará as relacións económicas e culturais entre a UE e Perú e intensificará o diálogo político, tamén sobre dereitos humanos e liberdades fundamentais. Tamén apunta que Perú era un dos poucos países latinoamericanos non exento de visado.

O acordo non se aplicará a Reino Unido e Irlanda, en cumprimento dos seus protocolos de adhesión. O réxime de visados destes Estados membros seguirá suxeito á súa lexislación nacional. No caso de Francia e Holanda, as disposicións do pacto só se aplican aos seus territorios europeos.



Concello de Lugo