Inicio > Novas > A Comisión presenta ...


A Comisión presenta novas medidas para impulsar a transición de Europa cara unha economía hipocarbónica

26/07/2016

As propostas están destinadas a acelerar a transición cara a tecnoloxías de baixa emisión de carbono en todos os sectores da economía europea

Imaxen asociada a nova

Bruxelas, 25 de xullo de 2016. A Comisión está a traballar para manter a competitividade da UE a medida que o modelo socioeconómico global vaia evolucionando cara a esa economía moderna e hipocarbónica promovida polo Acordo de París sobre o Cambio Climático. As propostas establecen orientacións claras e equitativas co fin de que os Estados membros se preparen para o futuro e se manteña a competitividade de Europa. Tales propostas forman parte integrante da Unión da Enerxía e dunha política de cambio climático orientada ao futuro. 

En 2014, a UE contraeu o claro compromiso de reducir colectivamente as súas emisións de gases de efecto invernadoiro polo menos un 40% para 2030, en comparación cos niveis de 1990, en todos os sectores da economía. As propostas presentan os obxectivos anuais vinculantes de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro que os Estados membros han de cumprir no período 2021-2030 para contribuír á acción polo clima da UE nos sectores do transporte, a construción, a agricultura, os residuos, o uso da terra e a silvicultura. O novo marco baséase nos principios de equidade, solidariedade, rendibilidade e integridade do medio ambiente. Todos os Estados membros ven afectados por esta iniciativa xa que lles corresponderá a eles decidir como aplicar as medidas propostas para cumprir o obxectivo acordado para 2030. A Comisión tamén presenta unha estratexia sobre a mobilidade con baixas emisións de carbono, fixando o rumbo para o desenvolvemento de medidas aplicables en toda a UE en relación cos vehículos con emisións baixas ou nulas e os combustibles alternativos de baixas emisións. 

Na UE xa comezaron os esforzos para adecuar os investimentos privados aos obxectivos en materia climática e de eficiencia dos recursos. Os instrumentos financeiros da UE contribúen considerablemente ao financiamento da loita contra o cambio climático. Máis do 50 % dos investimentos aprobados ata a data teñen incidencia no clima. Dentro do Plan de Investimentos para Europa, o Fondo Europeo para Investimentos Estratéxicos está en vías de conseguir mobilizar polo menos 315.000 millóns de euros en investimentos adicionais na economía real para mediados de 2018. Ademais, a Comisión traballa activamente para garantir que o gasto do orzamento da UE está en consonancia cos obxectivos climáticos. Polo menos o 20 % do actual orzamento da UE está expresamente vinculado ao clima. 

Contexto 

En outubro de 2014, os Xefes de Estado ou de Goberno da UE fixaron un obxectivo vinculante de redución das emisións internas, aplicable ao conxunto da economía, de polo menos un 40 % para 2030, en comparación cos niveis de 1990. A fin de levar a cabo esas reducións, é necesaria a contribución de todos os sectores da economía. Para que iso resulte rendible, os sectores da industria e a enerxía regulados polo réxime de comercio de dereitos de emisión (RCDE) da UE terán que reducir as súas emisións nun 43 % de aquí a 2030, en comparación con 2005. Outros sectores da economía, como o transporte, a construción, a agricultura, os residuos, o uso da terra e a silvicultura, deberán reducir as emisións nun 30 % de aquí a 2030, en comparación con 2005. 

Xunto coa proposta de revisión do réxime de comercio de dereitos de emisión (RCDE) da UE presentada o ano pasado, as propostas lexislativas relacionadas co clima que hoxe se presentan dirixirán a transición hipocarbónica de Europa, respondendo os compromisos asumidos polos países da Unión Europea no marco do Acordo de París sobre o Cambio Climático. A Comisión comezará a preparar o plan de acción sobre a mobilidade con baixas emisións a fin de poder presentar as restantes iniciativas sen demora. Cara a finais de ano, a Comisión tamén ten previsto presentar novas iniciativas sobre as enerxías renovables, a eficiencia enerxética e o mercado interior da enerxía, que forman parte da estratexia da Unión da Enerxía. 



Concello de Lugo