Inicio > Novas > O Parlamento Europeo...


O Parlamento Europeo, primeira Cámara que compensa o seu CO2

08/08/2016

O Parlamento Europeo será a primeira Cámara de representación política do mundo totalmente neutra nas súas emisións de dióxido de carbono.

Imaxen asociada a nova

Para iso investirá en proxectos que absorban as emisións de CO2 imposibles de reducir lanzando unha licitación, cun orzamento máximo de 249.000 euros, que se pecha o 15 de setembro.

A Eurocámara conta cunha normativa para reducir as súas emisións de carbono dende setembro de 2011 que se revisou o ano pasado. A primeira versión obrigaba a ter en conta as emisións procedentes do consumo de enerxía no edificio do Parlamento e dos desprazamentos nos vehículos oficiais. A revisión incrementou as esixencias ata o máximo considerado polos sistemas de cálculo de CO2, e inclúe tamén emisións que considera "irredutibles", como as producidas durante os traslados de todo o persoal e dos eurodeputados entre os distintos estados membros e as dúas sedes oficiais da Eurocámara, Bruxelas e Estrasburgo. 

Atendendo a estes novos criterios, calculouse que as emisións totais da entidade, entre directas e indirectas, ascenderon durante 2015 a 124.255 toneladas de CO2.


Comprar emisións de CO2

Para converterse nun organismo neutro en emisións, o lexislativo comunitario ten que acudir ao mercado e adquirir créditos de carbono xerados por proxectos limpos nunha cantidade equivalente ao volume de emisións considerado. 

E para iso acaba de lanzar unha licitación internacional cun orzamento máximo de 249.000 euros, o que supón que cada tonelada de CO2 que participe na poxa terá un prezo máximo de 2 euros, menos da metade do prezo ao que cotiza o Dereito de Emisión no mercado europeo de carbono, pero o cuádruplo do prezo do crédito de carbono no mercado de CER da ONU, ao que se orienta a iniciativa.

Non poderá participar calquera na poxa xa que, ademais de seguir o complexo sistema de garantías da contratación comunitaria, a Eurocámara dispón dun sistema de xestión ambiental EMAS -o máis ambicioso que existe- e os concorrentes terán que garantir que cumprirán con todas as súas esixencias ou que xa o implementaron.
 
Ademais só poderán participar na poxa entidades cun nivel de negocio superior ao millón de euros e terán prioridade os proxectos limpos de África, o Caribe e algunhas zonas do Océano Pacífico. Se non concorre ningún, atenderase aos de países veciños do Mediterráneo con plans de redución de emisións remitidos á ONU; e se non hai máis remedio, aos de países candidatos á adhesión ou dalgún dos 27 socios.



Concello de Lugo