Inicio > Novas > Declaración da Unión...


Declaración da Unión Europea con motivo do Día Internacional dos Pobos Indíxenas, 9 de agosto de 2016

09/08/2016

Federica Mogherini, alta representante da Unión Europea, dedica unhas palabras aos indíxenas de todo o mundo.

Imaxen asociada a nova

"Con ocasión do Día Internacional dos Pobos Indíxenas unímonos aos pobos indíxenas de todo o mundo na celebración da riqueza das súas culturas e a súa especial contribución á diversidade cultural do mundo. A Unión Europea reafirma o seu compromiso de fomentar e protexer os dereitos dos pobos indíxenas. 

A pesar dos moitos avances positivos no recoñecemento dos dereitos dos pobos indíxenas, seguen producíndose violacións de dereitos humanos, como asasinatos e abusos contra defensores dos dereitos humanos indíxenas en varios países. Por conseguinte, a UE está a intensificar os seus esforzos para protexer aos defensores dos dereitos humanos que traballan en favor dos máis vulnerables e marxinados, entre eles os pobos indíxenas, así como aos que avogan a favor dos dereitos sobre a terra.
 
Así mesmo, a UE está a reforzar o seu compromiso cos pobos indíxenas, en consonancia co plan de acción da UE sobre dereitos humanos e democracia. Antes de que finalice o ano, a UE ten a intención de redactar un resumo das súas políticas e accións de apoio aos pobos indíxenas, así como un catálogo de boas prácticas. A promoción dos dereitos culturais, de conformidade coa declaración das Nacións Unidas sobre os dereitos dos pobos indíxenas, é tamén un elemento central da consolidación da paz mediante o diálogo intercultural, tal como se recolle na nova estratexia da Unión Europea en materia de relacións culturais internacionais. A escala multilateral, a UE coopera de forma consensuada nos debates en curso nas Nacións Unidas en relación cos dereitos dos pobos indíxenas.

En xuño deste ano, a Organización dos Estados Americanos aprobou a Declaración Americana sobre os dereitos das poboacións indíxenas. A declaración é o primeiro instrumento na historia da Organización dos Estados Americanos que aborda especificamente os dereitos dos pobos indíxenas de América. A UE felicita por este logro á OEA e aos seus Estados membros, así como aos pobos indíxenas de América. A declaración engadirá unha nova dimensión ás relacións da UE cos seus países socios en América."



Concello de Lugo