Inicio > Novas > O Consello Europeo r...


O Consello Europeo ratifica a decisión de non multar a España por incumprimento do déficit

09/08/2016

A Comisión Europea recibe de bo grado as decisións adoptadas hoxe polo Consello relativas a España e Portugal no marco do Pacto de Estabilidade e Crecemento.


Imaxen asociada a nova

Estas decisións seguen enteiramente as recomendacións da Comisión formuladas o 27 de xullo. Trala súa decisión do 12 de xullo pola que se determinaba que España e Portugal non tomaran medidas eficaces para corrixir o seu déficit excesivo, o Consello anulou as multas a ámbolos países e fixou novas sendas orzamentarias para cada un deles, segundo o recomendado pola Comisión.

A decisión do Consello do 12 de xullo sobre a ausencia de medidas efectivas obrigaba xuridicamente á Comisión a propoñer unha multa, cuxo importe podía ascender ao 0,2 % do PIB como máximo. Con todo, facendo uso da posibilidade prevista no Pacto, a Comisión recomendou o 27 de xullo ao Consello que anulase a multa, tendo en conta as solicitudes presentadas por ambos Estados membros, a difícil contorna económica, os esforzos de reforma destes países e os seus compromisos de cumprir o Pacto. O Consello non estaba vinculado por esta recomendación, pero decidiu aplicala.

Trala Decisión do Consello sobre as medidas non efectivas, a Comisión tamén debe propoñer ao Consello a suspensión de parte dos compromisos relativos á execución dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (Fondos EIE) correspondentes a 2017.

O vicepresidente Valdis Dombrovskis, responsable do Euro e o Diálogo Social, declarou: «Seguindo as recomendacións da Comisión, os ministros de finanzas da UE decidiron hoxe anular as sancións económicas a España e Portugal. Tamén confirmaron as novas sendas de axuste orzamentario de ámbolos países. Unhas medidas efectivas de España e Portugal serán unha condición necesaria para levantar a suspensión dos compromisos con cargo aos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos».

Pierre Moscovici, comisario de Asuntos Económicos e Financeiros, Fiscalidade e Aduanas, declarou: «As decisións de hoxe reflicten unha aplicación intelixente do Pacto de Estabilidade e Crecemento. Ao conceder máis tempo a España e Portugal para que rebaixen o seu déficit público por baixo do 3 %, o Consello fixa novas traxectorias orzamentarias cribles, que contribuirán a reforzar as súas economías e a zona do euro. A estabilidade e o crecemento requiren unha firme determinación para poñer orde nas finanzas públicas. Confío en que España e Portugal responderán debidamente ás decisións colectivas adoptadas pola Comisión e o Consello. A Comisión avaliará as medidas tomadas por España e Portugal nos próximos meses tanto no marco do procedemento de déficit excesivo como da análise dos proxectos de plans orzamentarios para 2017».

Como recomendou a Comisión, o Consello pide a Portugal que poña fin ao seu déficit excesivo en 2016 e a España que o faga como moi tarde en 2018.

A Comisión presentará a súa proposta sobre a suspensión dunha parte dos compromisos dos Fondos EIE para 2017 tras un diálogo co Parlamento Europeo, que terá lugar pouco despois do receso de verán do Parlamento. Para levantar a suspensión dos Fondos EIE, tanto España como Portugal terán que demostrar o pleno cumprimento do Pacto, segundo o expresado nas recomendacións adoptadas hoxe polo Consello. Ambos Estados membros deben tomar medidas efectivas e notificalas como moi tarde o 15 de outubro de 2016, á vez que presenten os seus proxectos de plans orzamentarios este outono.


Contexto

O Consello fai un chamamento a España para reducir o seu déficit global ao 4,6 % do PIB en 2016, ao 3,1 % do PIB en 2017 e ao 2,2 % do PIB en 2018, obxectivo que deberá ser coherente cunha deterioración do saldo estrutural do 0,4 % do PIB en 2016 e unha mellora do 0,5 % do PIB tanto en 2017 como en 2018. O axuste tamén esixe que España adopte e aplique plenamente as medidas de saneamento por un importe do 0,5 % do PIB tanto en 2017 como en 2018.

O Consello insta a Portugal a reducir o seu déficit global ao 2,5 % do PIB en 2016. Con este fin, Portugal debe adoptar e aplicar plenamente medidas de saneamento por un importe do 0,25 % do PIB en 2016. En particular, Portugal debe aplicar plenamente as medidas de saneamento incorporadas no orzamento 2016, incluído o control do gasto adicional na adquisición de bens e servizos indicado no programa de estabilidade.

O Consello tamén insta a España e Portugal a estar preparados para adoptar novas medidas en caso necesario.



Concello de Lugo