Inicio > Novas > A Comisión Europea a...


A Comisión Europea amplía os criterios da Ecoetiqueta a computadores, mobles e calzado

18/08/2016

A Comisión Europea adoptou unha nova batería de criterios ecolóxicos baixo o esquema Ecoetiqueta europea (European Ecolabel) para computadores (persoais, portátiles e tabletas), mobles e calzado.

Imaxen asociada a nova

A partir de agora, aqueles fabricantes que desexen beneficiarse da Ecoetiqueta Europea deberán cumprir estritos criterios que se localizan no rendemento ambiental do produto, pero tamén nos seus aspectos sociais e de seguridade. 

"A Ecoetiqueta promove a transición cara á economía circular, ao apoiar tanto a produción como a xestión sustentables. Grazas a criterios ecolóxicos transparentes, os consumidores poden facer eleccións conscientes, sen comprometer a calidade dos produtos. Da mesma forma, a Ecoetiqueta premia a aqueles fabricantes que elixen deseñar produtos que son durables e reparables, que promoven a innovación e o aforro de recursos", declarou o comisario para o Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella. 

Para entrar no esquema da Ecoetiqueta, os fabricantes de computadores deberán ter en conta a eficiencia enerxética, a actualización do dispositivo e a facilidade para desmontar, recuperar e reciclar os recursos do dispositivo. No caso do mobiliario, os novos criterios esixen aos fabricantes realizar avaliacións do ciclo de vida do produto máis completas, poñendo especial atención aos compoñentes perigosos e residuos que poderían contribuír á contaminación do aire en interiores.

Seguindo as disposicións internacionais de estándares de traballo, púxose especial atención en mellorar os aspectos de responsabilidade social corporativa en relación coas condicións dos traballadores que rexerán no lugar final onde se monte o calzado. A revisión destes criterios é válida por seis anos desde a data da súa adopción. 


Contexto

A etiqueta ecolóxica da UE é un sistema voluntario que forma parte do plan de acción da Comisión Europea en materia de consumo e produción sustentables dentro dunha política industrial sustentable .

Estableceuse como unha forma de fomentar ás empresas na produción de bens e servizos máis amables co medioambiente. Calquera ben ou servizo ao que se adxudicou a Etiqueta ecolóxica da UE reúne un conxunto de altos estándares ambientais e de rendemento.

A etiqueta ecolóxica da UE foi pioneira na promoción da economía circular. Desde o comezo, os seus estritos criterios no grupo de produtos estaban baseados nos principios fundamentais da economía circular: produtos que teñan un menor impacto ambiental e contribúan ao desenvolvemento sustentable ao longo do seu ciclo de vida, energéticamente eficientes, duradeiros e reparables.



Concello de Lugo