Inicio > Novas > O Consello Europeo a...


O Consello Europeo aproba un acordo para mellorar as condiciĆ³ns de traballo dos pescadores

17/10/2016

 Aprobouse un acordo entre os interlocutores sociais da UE

Imaxen asociada a nova

O 13 de outubro de 2016, o Consello aprobou unha directiva que dá efecto xurídico a un acordo entre os interlocutores sociais da UE (Cogeca, ETF e Europêche) no sector da pesca marítima. 

O acordo entre os interlocutores sociais permite que se aplique na UE o Convenio sobre o traballo na pesca de 2007 da OIT.
 
O presidente do Consello, Jan Richter, ministro de Traballo, Asuntos Sociais e Familia de Eslovaquia, declarou: «É un importante avance para contribuír a mellorar as condicións de vida e de traballo dos pescadores, e tamén un excelente exemplo dun frutífero diálogo social sectorial. Hoxe logramos que ese traballo se consagre na lexislación da UE, en beneficio de tódolos pescadores no conxunto da UE».

O obxectivo do acordo é garantir unhas mellores condicións de traballo para os pescadores e unhas condicións de traballo dignas a bordo dos buques pesqueiros que enarboren pavillón dun Estado membro da UE, tamén fóra das augas da UE. A directiva inclúe uns requisitos mínimos relativos ás horas de traballo e de descanso dos traballadores da pesca marítima, as condicións de traballo, a seguridade no traballo, a protección respecto das enfermidades relacionadas co traballo, os procedementos en caso de lesións ou morte, a atención médica a bordo, o pago aos pescadores, o aloxamento e a alimentación.

Esta directiva adapta a lexislación vixente da UE ás novas disposicións do Convenio da OIT. 


Antecedentes

O Convenio sobre o traballo na pesca (C188) da Organización Internacional do Traballo (OIT) foi adoptado en 2007. Aplícase a todos os tipos de buques de navegación marítima, independentemente do seu tamaño, e aspira a establecer normas mínimas para protexer aos pescadores no seu traballo.

En 2007, a Comisión convidou os interlocutores sociais da UE para «examinar as posibilidades dunha iniciativa común destinada a promover a aplicación, na UE, das disposicións do Convenio C188».

En maio de 2013, os interlocutores sociais a nivel da UE (a Federación Europea de Traballadores do Transporte [ETF], a Asociación das Organizacións Nacionais de Empresas de Pesca na UE [Europêche] e a Confederación Xeral de Cooperativas Agrarias da UE [COGECA]) celebraron un acordo cuxo propósito era refundir as disposicións do acervo da UE e o Convenio C188 da OIT. Pediron á Comisión que transpuxera o acordo á lexislación da UE a través dunha directiva. O 28 de abril de 2016, a Comisión presentou ao Consello a súa proposta de Directiva. 



Concello de Lugo