Inicio > Novas > O acordo UE-Canadá e...


O acordo UE-Canadá e outros pactos comerciais pendentes

21/10/2016

A UE ten diferentes tipos de acordos comerciais, desde a eliminación ou redución de aranceis ao establecemento dunha unión aduaneira mediante a eliminación dos dereitos de aduana e o establecemento dun arancel aduaneiro común para as importacións estranxeiras.

Imaxen asociada a nova  A UE traballa para ratificar o tratado de libre comercio con Canadá (CETA), cuxas negociacións concluíron hai dous anos. O Consello Europeo desta semana tentará chegar a un acordo para que a firma deste pacto sexa posible. Tamén se necesitará o visto e prace do Parlamento Europeo para que poida entrar en vigor. Coñeza a situación actual e que outros acordos comerciais están pendentes.


Tipos de acordos

A UE ten diferentes tipos de acordos comerciais, desde a eliminación ou redución de aranceis ao establecemento dunha unión aduaneira mediante a eliminación dos dereitos de aduana e o establecemento dun arancel aduaneiro común para as importacións estranxeiras.

Tamén pode tratarse de investimento e de como facer fronte aos conflitos que implica. Por exemplo, cando unha empresa sente que unha decisión dun Goberno está a afectar ao seu investimento nese país. As barreiras non arancelarias tamén son vitais, como os estándares dos produtos. A UE prohibiu certas hormonas na cría de gando por motivos de saúde.

CETA

As negociacións do acordo comercial con Canadá (CETA) terminaron en setembro de 2014. Este mes espérase que o ratifiquen os países da UE. O Consello Europeo desta semana tentará chegar a un acordo que permita a súa firma, despois do intento errado dos responsables de Comercio. Unha vez que isto ocorra, o Parlamento terá que aprobar o pacto antes de que poida entrar en vigor.

A comisión parlamentaria de Comercio Internacional ten previsto votar este acordo comercial en decembro. Máis adiante pronunciarase toda a Eurocámara en sesión plenaria. Se se aproba, o CETA podería entrar en vigor o próximo ano.

Outros acordos pendentes

Existen outros tratados comerciais sobre os que a UE xa concluíu as negociacións, pero aínda non entraron en vigor como os que mantén cos países do África Oriental, Ecuador, Singapura, Vietnam, e África Occidental.

Negociacións en curso

A UE e Estados Unidos negocian un acordo de libre comercio e investimentos (TTIP, polas súas siglas en inglés) que resultou ser moi controvertido debido ás preocupacións sobre os estándares dos produtos e a resolución das controversias sobre os investimentos. Desde xullo de 2013, houbo quince roldas de negociacións.
En Asia, a Unión negocia con Malaisia, Indonesia, Tailandia, Filipinas, Xapón, Birmania e India, mentres que en Latinoamérica faio con Mercosur e México.

No Mediterráneo sur e Oriente Medio existen distintos acordos, que inclúen pactos de asociación con oito países para impulsar especialmente o comercio de bens. Tamén hai contactos dirixidos a ampliar estes acordos en áreas como a agricultura e as normas industriais con países individuais.

A UE tamén mantén negociacións para un acordo global de investimento con China desde novembro de 2013.
Entre os 23 países da Organización Mundial do Comercio que negocian o tratado global para liberalizar os servizos (TiSA, polas súas siglas en inglés) atópase a UE. Xuntos, os países participantes representan o 70 por cento do comercio mundial de servizos.

O papel do Parlamento

Desde que entrou en vigor o Tratado de Lisboa, en 2009, os acordos comerciais da UE necesitan a aprobación do Parlamento Europeo antes de que poidan aplicarse. Os eurodeputados deben recibir información periodicamente sobre os avances nas negociacións.

O Parlamento xa mostrou que non dubidará en vetar un acordo comercial se hai preocupacións serias sobre o seu impacto. Por exemplo, xa rexeitou o  Acordo Comercial de Loita contra a Falsificación (ACTA, polas súas siglas en inglés) en xullo de 2012.



Concello de Lugo