Inicio > Novas > Lugo entre as sete c...


Lugo entre as sete cidades finalistas para o Access City Award 2017.

25/10/2016

Lugo é a cidade española finalista no Access City Award 2017 convocado pola Comisión Europea, e que ten como obxectivo recoñecer ás cidades europeas de máis de 50.000 habitantes que realicen esforzos na promoción da accesibilidade universal. 

Imaxen asociada a nova  Xuntamente con Lugo, son finalistas  : Alessandria (Italia), Chester ( Reino Unido), Funchal (Portugal), Jürmala (Letonia), Róterdan (Paises Baixos) e Skellefteä (Suecia). 


O nome da cidade galardoada como cidade accesible, así como as mencións para as mellores cidades accesibles ás novas tecnoloxías e ao emprego,  será dado a coñecer nunha cerimonia que terá lugar en Bruxelas o próximo 29 de Novembro coincidindo coa Conferencia con ocasión do Día Europeo das persoas con discapacidade.

O xurado español que propuxo a candidatura de Lugo para a final, seleccionouna  atendendo á claridade e concreción das medidas de accesibilidade que expoñen, tanto presentes como futuras. Así mesmo, valorouse de modo positivo a accesibilidade existente no ámbito das novas tecnoloxías da información e comunicación, con especial mención á páxina de Internet do Concello, e as actuacións previstas en materia de accesibilidade cognitiva. O xurado considera que debe puntuarse o feito de que todos os edificios públicos sexan accesibles, así como a existencia de casas intelixentes e domotizadas.

Así mesmo, considérase moi satisfactorio o esforzo realizado en defensa da accesibilidade no centro histórico, do mesmo xeito que as propostas de turismo accesible. Finalmente, considerouse que o concello realiza unha boa utilización dos fondos públicos provenientes da Unión Europea destinados a fomentar a accesibilidade, cun enfoque de deseño universal, para todas as persoas. O xurado felicitou á candidatura por considerala como a mellor presentada.



Concello de Lugo