Inicio > Novas > Aceite de Palma: car...


Aceite de Palma: cara a unha produción máis sustentable

04/04/2017

Deforestación, perda de hábitats e incremento das emisións son algunhas das consecuencias da produción masiva de aceite de palma. Este aceite vexetal barato, moi utilizado en alimentación, cosmética e biocombutibles, foi ademais relacionado con compoñentes perigosos para a saúde.




Imaxen asociada a nova  


O pleno do PE votará o 4 de abril un informe de Kateřina Konečná que avoga pola eliminación gradual do aceite de palma nos biocarburantes para 2020 e un único sistema de certificación.

Os eurodeputados debaten o luns e votan o martes este informe, no que se pide á UE que reforce as súas medidas ambientais para previr a deforestación relacionada co aceite de palma, e a eliminación de 2020 o uso de aceite de palma como compoñente dos biocombustibles.

Tamén propón un sistema de certificación para asegurar que o aceite de palma non se produciu causando deforestación, dano ecolóxico, nin dando lugar a conflitos ou problemas sociais. Este certificado debe incluír tamén aos pequenos produtores para garantir que reciben unha parte xusta dos beneficios.

Producido e exportado desde diferentes rexións de África, Asia, América do Norte e Sudamérica, principalmente Indonesia e Malaisia, as importacións de aceite de palma por parte da UE foron vinculadas á deforestación dun millón de hectáreas de selva tropical. O 46 % desas importacións destináronse á produción de biocombustibles.
 
A eurodeputada checa Kateřina Konečná, de Esquerda Unitaria, autora do informe non vinculante que se vota o martes, explica no vídeo que a UE é un dos maiores consumidores de aceite de palma do mundo aínda que trata de converterse no actor máis importante en canto a como limitar o seu consumo.

Apenas usado hai 30 anos, o aceite de palma agora pódese atopar en moitos produtos como margarina, chocolate, patacas fritas, pero tamén en cosméticos, deterxentes e biocombustible.

"Creo que o Parlamento Europeo debe ser moi ambicioso. Non debe haber aceite de palma nos biocombustibles", sinala Kateřina Konečná.

Impacto da produción masiva

Os valiosos ecosistemas tropicais, que cobren o 7% da superficie da Terra, están a ser obxecto dunha crecente presión pola deforestación e plantacións de aceite de palma, o que provoca incendios forestais, seca dos ríos, erosión dos chans e destrución dos hábitats naturais raros.

Ademais, a perda de hábitats naturais en forma de selvas tropicais está a poñer en perigo a supervivencia dun gran número de especies como o rinoceronte de Sumatra, o tigre de Sumatra e o orangután de Borneo.



Concello de Lugo