Inicio > Novas > Directiva de Servizo...


Directiva de Servizos de ComunicaciĆ³n Audiovisual

30/05/2017

O primeiro marco de normas comúns para a regulación europea da radiodifusión televisiva atopámolo na Directiva TSF («televisión sen fronteiras») de 1989. En 2010, esta normativa e as súas posteriores emendas de 1997 e 2007 refundíronse nun único texto, a Directiva de servizos de comunicación audiovisual (DSCAV), que na actualidade é a pedra angular da regulación dos medios de comunicación na UE.

Imaxen asociada a nova Cal é o seu obxectivo?


A meta da proposta é aplicar ás plataformas online regras similares ás que xa regulan as 5.141 canles de televisión que existen na UE e lograr así un equilibrio entre a competitividade e a protección do consumidor. Por iso, prevese introducir flexibilidade naqueles casos nos que xa non están xustificadas as restricións aplicables unicamente á televisión, fomentar as películas europeas, protexer aos menores e facer fronte ao discurso do odio con máis eficacia.

O ámbito de aplicación da directiva amplíase para incluír, por primeira vez, ás plataformas en liña, como Netflix ou Amazon Prime, ás que reclama que ata un 20% do seu catálogo sexa de produción europea, unha cifra que a Eurocámara quere elevar ata o 30%. Ademais, a proposta esixe a plataformas como YouTube que eliminen calquera incitación á violencia e ao odio e que se protexa aos menores da pornografía.

Por que agora?

Aínda que a pantalla de televisión convencional segue sendo un dispositivo moi utilizado, cada vez son máis os espectadores que acceden a contidos á carta desde pantallas máis pequenas (smartphones ou tabletas).

Así mesmo, o número de provedores de televisión a través de internet, vídeo á carta (VOD) e over-the-top (OTT) dirixidos aos espectadores da UE aumentou rapidamente e a día de hoxe é unha das actividades favoritas dos nenos na internet. Este cambio enfronta aos reguladores con dilemas complexos, como o de protexer aos menores de contidos nocivos e prohibir a incitación ao odio garantindo ao mesmo tempo a liberdade de expresión.

Como consecuencia, os actores tradicionais de radiodifusión televisiva teñen que adaptarse a unha constante transformación para asegurar a súa posición no mercado. Con todo, a radiodifusión de televisión, o vídeo á carta e os contidos xerados polos usuarios están suxeitos actualmente a normas diferentes e distintos niveis de protección ao consumidor.



Concello de Lugo