Inicio > Novas > A UE dáse 2 anos par...


A UE dáse 2 anos para mobilizar aos países sobre unha estratexia de inmigración

18/07/2017

Representantes e expertos da Unión Europea (UE) debateron nunha conferencia na Eurocámara como mobilizar nos próximos 2 anos a países e institucións da Unión en favor dunha estratexia de xestión da inmigración, ámbito no que a UE quere ser un referente a nivel global.

Imaxen asociada a nova O evento tivo lugar o 21 de xuño, véspera do inicio dun cume europeo de dous días na que, entre outros asuntos, os líderes da UE pedirán máis esforzos para frear os fluxos de inmigrantes polo Mediterráneo central e para pechar a reforma do sistema europeo de asilo común.


"Hai grandes retos, fan falta máis recursos financeiros", dixo en rolda de prensa a xefa da diplomacia europea, Federica Mogherini, quen indicou que os países da Unión deben "manter os esforzos" en política migratoria e incidiu en que "non se debe construír muros, senón asociacións" cos países de orixe e tránsito.

O presidente da Eurocámara, Antonio Tajani, advertiu pola súa banda de que "decenas de millóns" de inmigrantes de África poderían chegar a territorio europeo se a UE non toma medidas para combater eses fluxos e opinou que o próximo orzamento europeo debería destinar máis fondos á xestión da inmigración.

A conferencia de alto nivel, que reuniu a europarlamentarios, ministros europeos, representantes da ONU e da Organización Internacional de Migracións, entre outros, abordou asuntos como a maneira de promover a integración e de reforzar os retornos dos inmigrantes que non teñen dereito a permanecer na Unión.

"Nos próximos dous anos a UE (institucións, Estados membros, parlamentos nacionais, axencias, rexións, etc.) debería mobilizar os seus recursos e ter instrumentos lexislativos, diplomáticos, financeiros, de seguridade e humanitarios para conducir unha estratexia global", segundo o Parlamento Europeo.

Os desafíos en política migratoria son de tal magnitude que "cuestionan a nosa habilidade de abordalos de maneira ordenada", segundo a Eurocámara, que considera que ese "probablemente será un dos asuntos dominantes" na campaña das eleccións europeas de 2019, como xa se viu nos comicios dos últimos meses en Holanda ou Francia.

Tanto Mogherini como Tajani recoñeceron a dificultade de frear os fluxos de inmigrantes, na súa maioría africanos, que chegan a través de Libia.

A xefa da diplomacia europea lembrou que a UE leva a cabo programas con organizacións e co Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, ACNUR, para apoiar os esforzos das autoridades libias nese ámbito e protexer os dereitos dos afectados.

Por outra banda, deixou claro que pechar a ruta do Mediterráneo central "non é posible nin é o obxectivo da UE", por unha banda polas dificultades vinculadas a Libia, país que "aínda está en crise e debe ser estabilizado", e porque o Mediterráneo é unha ruta marítima na que a primeira obrigación é "salvar" as vidas dos inmigrantes.

Austria propuxo recentemente pechar a ruta de emigración máis mortífera do mundo cun plan para internar aos migrantes rescatados no Mediterráneo en campos en Tunes e Exipto.

A idea é tratar con eles antes de que atravesen a fronteira da UE. A única forma de entrar en Europa sería a través de programas oficiais de recolocación.

Por outra banda, o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, referiuse á decisión da mesma de abrir expediente a Polonia, Hungría e a República Checa por non aceptar a demandantes de asilo de Italia e Grecia, como se comprometeron a facer.

"Hai que aplicar as regras. Non estou en guerra contra eses países (...), non estou en modo agresivo, só aplico as regras", subliñou.



Concello de Lugo