Inicio > Novas > Concello e FAPACEL i...


Concello e FAPACEL impulsan as políticas europeas de educación, formación, emprego e apoio ao emprendemento

21/07/2017

Ambas entidades asinarán un convenio de colaboración co obxecto de promover e difundir as actividades programadas dende o Concello relacionadas coas mencionadas políticas, así como de sensibilizar á cidadanía sobre as mesmas
Para Ana Prieto esta colaboración supón unha oportunidade para continuar dando a coñecer, concretamente na comunidade escolar, todos os aspectos relacionados a Europa
"En Lugo temos probas de cómo Europa contribuíu a mellorar a cidade e a nosa calidade de vida, e seguirao facendo cos 22 milllóns de euros que conseguimos da Unión Europea nos dous anos que levamos no Goberno para proxectos como o Muramiñae, Lugo+Biodinámico ou  o Lugo Smart City", subliñou a edil

 O Concello de Lugo e a Federación Provincial de Anpas de Centros de Ensino Públicos de Lugo (FAPACEL) impulsarán as políticas europeas de educación, formación, emprego e apoio ao emprendemento. Así o anunciou este venres a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen manifestou que con esta finalidade se asinará un convenio de colaboración entre ambas entidades co obxecto de promover e difundir as actividades programadas dende a entidade local relacionadas coas mencionadas políticas, así como de sensibilizar á cidadanía sobre as mesmas. 

Para Ana Prieto esta colaboración supón unha oportunidade para continuar dando a coñecer, concretamente na comunidade escolar, todos os aspectos relacionados a Europa, fomentando os intercambios, o diálogo e o entendemento entre as institucións e a opinión pública, así como a difusión de diversas actividades. Nesta liña a edil asegurou que "en Lugo temos probas de cómo Europa contribuíu a mellorar a cidade e a nosa calidade de vida, como por exemplo co Plan Urban, e seguirao facendo cos 22 milllóns de euros que conseguimos da Unión Europea nos dous anos que levamos no Goberno para proxectos como o Muramiñae, Lugo+Biodinámico ou  o Lugo Smart City". 
Para a consecución destes obxectivos, o Concello facilita á federación un local no edificio no que se ubica o Espazo Lab, dende onde se informa á cidadanía de todos os aspectos institucionais relacionados coa Unión Europea, lugar onde se programan actividades ao longo do ano para dar a coñecer a pertencia de Lugo á Unión Europea e tamén onde se implementan todos os programas de emprego, formación e orientación laboral, tanto con financiamento propio como europeo. Dita colaboración rematará o 31 de decembro.



Concello de Lugo