Inicio > Novas > O cancro de mama cau...


O cancro de mama causa preto de 90.000 mortes ao ano en Europa

23/10/2017

O Parlamento traballa para mellorar a prevención, diagnóstico e tratamento do cancro de seo, que afecta a mulleres e homes. 

Imaxen asociada a nova  Este tipo de cancro constitúe cada ano a causa principal de morte entre as mulleres europeas de entre 35 e 59 anos. Daniela Aiuto, que preparou un informe parlamentario sobre esta cuestión, subliña a importancia de poder acceder a un diagnóstico temperán nunha entrevista con motivo do mes internacional da sensibilización sobre o cancro de mama.


"Os factores xeográficos e económicos impídennos ter acceso ao diagnóstico temperán. É aquí onde debemos actuar", sinala a eurodeputada, que tamén lembra que "a falta de recursos económicos, debido en particular a un longo período de crise, levou a un aumento no limiar de idade para os exames médicos gratuítos".

Na súa opinión, "o que está a suceder nos países do norte de Europa, onde as mulleres teñen máis acceso a este tipo de atención, tamén debe implementarse nos países máis desfavorecidos porque tamén queremos a cohesión social en termos de saúde"

Mulleres e algúns homes

O cancro de seo afecta sobre todo a mulleres, pero tamén a algúns homes. Non obstante as mulleres teñen cen veces máis probabilidades de desenvolver esta enfermidade. En 2013, o último ano do que hai cifras completas dispoñibles, ao redor de 93.500 persoas morreron de cancro de mama na UE, das cales pouco menos de mil eran homes e a gran maioría (92.500) eran mulleres. En total, as mortes por cancro de mama representaron ao redor do 7,2% de todas as mortes por cancro.


O papel do Parlamento

Os eurodeputados adoptaron ao longo dos anos distintas resolucións sobre o cancro de mama, como as de 2003 e 2006.
En 2010, o Parlamento reforzou o compromiso da UE coa loita contra o cancro de mama mediante a implementación de programas de detección, de creación de unidades mamarias especializadas e a recompilación fiable de datos.
En xullo de 2015, o Parlamento Europeo adoptou a declaración escrita "Sobre a loita contra o cancro de mama na UE" que esixe a implementación de medidas en toda Europa para loitar contra esta enfermidade.

O 16 de outubro, o Parlamento Europeo organizou unha audiencia sobre a estratexia da UE contra o cancro de mama, cuxo obxectivo foi analizar a situación actual de prevención, detección, diagnóstico e tratamento desta enfermidade e avaliar as estratexias sanitarias e anticanceríxenas da UE.



Concello de Lugo